Máis dun mes co marcador a cero: sen novos casos de covid en Barro

Alegría e tranquilidade, prudencia e non tentar á sorte é a receita do municipio  A Lama cumpre catro semanas 
Dos personas paseando por San Antoniño. RAFA FARIÑA
photo_camera Dúas persoas paseando por San Antoniño. RAFA FARIÑA

Cada día, desde hai un mes, os veciños de Barro respiran aliviados ao confirmar a través do perfil de Facebook do seu alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que o municipio se mantén sen ningún caso de covid-19. "Cando empecei a poñelo levabamos case 15 días sen contaxios novos", recordaba este mércores. É, deste xeito, o concello da área sanitaria Pontevedra-O Salnés que leva máis tempo sen rastro do virus de forma ininterrompida. Séguenlle A Lama, cun mes, e Cuntis, que cumpre este xoves tres semanas. Completan a lista de limpos, aínda que con menos tempo, Forcarei, Portas e Ponte Caldelas.

Xosé Manuel Fernández. Abraldes, rexedor de Barro: "Pídolle aos veciños que sigan actuando con moita prudencia, porque queda moito para ter a pandemia controlada"

¿Pero cal é a receita? ¿Non afecta esta situación á posible relaxación de medidas? "A reacción da xente é de alegría e tranquilidade, pero tamén de prudencia", apunta Abraldes. No pasado outono producíronse varios focos derivados de situacións "en centros de traballo", como as avícolas de Cambados e Campañó e doutra empresa pontevedresa, que salpicaron a familias de Barro. A situación "máis delicada" viviuse en decembro, con dous brotes xurdidos "en reunións familiares e de amigos", que se traduciu en 30 casos activos e xerou "bastante impacto" entre a poboación.

"O Nadal foi tranquilo e despois houbo un pequeno repunte a principios de febreiro", na crista da terceira onda, pero o nacionalista está convencido de que aquel momento crítico foi suficiente para que a cidadanía apostase pola responsabilidade, pero tamén pola sorte. "A xente ten medo a que apareza outro gromo; é consciente de que todo pode cambiar e que che podes contaxiar en calquera momento sen sabelo". Por iso pide aos seus veciños que "sigan actuando con moita prudencia, porque queda moito para ter a pandemia controlada". O Concello, pola súa banda, continúa sen retomar as actividades socioculturais para evitar as interaccións sociais. "Preferimos pecar de prudencia". 

David Carreira, tenente de alcalde da Lama: "A xente está desexosa de saír, de facer vida social sen tanta tecnoloxía, pero ás portas do verán xa prefire esperar" 

Á ESPERA. O 10 de marzo foi o primeiro día que o marcador da Lama quedou a cero e a situación mantense un mes ben cumprido despois, "grazas a deus", recorda David Carreira, tenente de alcalde. Está convencido de que o motivo é que "a xente concienciouse" e respecta fielmente o uso da máscara ou a distancia social, mentres continúa "á expectativa da vacina". 

Tampouco ve demasiado movemento na hostalería local despois do pau que supuxo un peche semanas atrás. "Estamos nun impás. A xente está desexosa de saír e facer un pouco de vida social", deixando atrás "tanta tecnoloxía, pero ás portas do verán xa prefire esperar". 

Cuntis cumprirá este xoves, se non hai novidade, a súa terceira semana sen rexistrar casos novos de covid. "Aquí, en xeral, a xente cumpre. Non ves que se relaxe" pese ao bo dato, afirma o seu alcalde, Manuel Campos. Iso si, "sempre sen abrir a man. Senón... igual volvemos para atrás". 

Comentarios