Un material educativo "de matrícula de honra" para crianzas de tres a once anos

A Deputación presenta os calendarios competenciais elaborados polo CRA Mestra Clara Torres

Teresa Domínguez e Carmela Silva –cuarta e quinta pola esquerda– xunto ao pai e ás mestras que fixeron os calendarios. RAFA FARIÑA
photo_camera Teresa Domínguez e Carmela Silva –cuarta e quinta pola esquerda– xunto ao pai e ás mestras que fixeron os calendarios. RAFA FARIÑA

Facer pompas de xabrón empregando palliñas e consultar o tempo e escribilo en inglés. Estas son as dúas tarefas para este mércores nos calendarios competenciais presentados este martes na Deputación de Pontevedra. A primeira, para a rapazada de Infantil e a segunda para a de Primaria, sempre acompañada da familia.

A presidenta da institución, Carmela Silva; Teresa Domínguez Pérez, directora do Colexio Rural Agrupado de Tui Mestra Clara Torres, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, presentaron estes almanaques, que serán repartidos polos centros escolares.

No acto de estrea desta iniciativa, que chega a súa terceira edición, Silva subliñou que "é un material educativo de matrícula de honra, elaborado con criterios educativos, técnicos e cun grande coñecemento das leis educativas, e que debe converterse nun calendario de cabeceira para todos os pontevedreses".

Estes calendarios tamén nos axudan a coñecer a provincia, xa que nas súas páxinas están presentes recunchos extraordinarios que en moitos casos son descoñecidos por gran parte da cidadanía

A gran novidade deste ano é que a iniciatiava se amplía ao alumnado de Primaria, a proposta de Silva. A outra é que "estes calendarios tamén nos axudan a coñecer a nosa provincia", xa que nas súas páxinas "están presentes recunchos extraordinarios que en moitos casos son descoñecidos por gran parte da cidadanía". Así mesmo, a presidenta agradeceu "o traballo feito por todas as persoas que participaron na elaboración destes calendarios que tanto axudarán a cambiar a sociedade".

Neles recóllense unha serie de actividades fixadas nas competencias educativas que deben contar os escolares, que establece a Lomce (lingüísticas, matemáticas, ciencia, dixitais, sociais e cívicas, sentido da iniciativa e de expresión cultural, entre outras), así como propostas para realizar en familia e recomendacións de lecturas e de cine para facer fóra do horario lectivo. Todo elo baixo a premisa de que a educación sexa unha tarefa compartida entre a escola e a familia, recolléndose así as propostas de todas as actividades en base á igualdade de xénero. A través da Deputación os almanaques serán repartidos por todos os colexios da provincia para que, en verbas de Carmela Silva, "todos os pais e nais poidan traballar con estes calendarios que permiten educar conxuntamente entre a escola e a familia dando moitas ideas de actividades que crean valores".

A presidenta tamén engadiu que lle gusta que "as mulleres estean ben visibilizadas, pois serve para que nenas e nenos aprendan que hai moitísimas mulleres que a longo da historia achegaron moitísimo á nosa sociedade. A moitas non as coñecemos, están invisibilizadas e con estas iniciativas as poderemos descubrir".

"É fundamental un pacto de Estado pola educación"

Teresa Domínguez, premio nacional á carreira docente non universitaria en 2017, agradeceu á Deputación "o seu compromiso no eido da educación" e terlle dado "a posibilidade de traballar para ofrecer ás familias a posibilidade de ter recursos e accións para educar mellor e dunha maneira máis responsable". Finalmente, Silva, quen se considera "unha mestra", apuntou que ve como "fundamental" un pacto de Estado pola educación. Asegura que "ten que darse por arriba ou por abaixo pero ten que darse. A educación ten que volver a ser o dereito fundamental da cidadanía para construír outra sociedade diferente. Os cambios das estruturas sociais só se poden conseguir dende a escola", polo que animou "a facer esa revolución pendente".

Comentarios