Mergulladores incorpóranse á procura do mariñeiro desaparecido nas Cíes
Un equipo de mergulladores do Geas incorporouse este martes ás tarefas de procura do patrón do Marsua J, o pesqueiro que naufragou este luns cando faenaban nas inmediacións das Cíes, en Vigo.
O corpo do outro tripulante, un home de 41 anos, foi localizado este luns pola tarde, pouco despois de aparecer os primeiros restos da embarcación, e foi levado ata o porto de Baiona, onde tiña a súa base o pesqueiro.
O centro de Salvamento Marítimo de Vigo está a coordinar o dispositivo de procura por mar e aire do mariñeiro desaparecido, que ten 52 anos, e este centrouse ata agora especialmente na zona de Freu da Porta, entre as dúas illas do arquipélago, que foi onde se afundiu o barco. Pero xa durante as últimas horas do luns a procura ampliouse a todo o perímetro das illas Cíes.
Neste dispositivo de procura participan a embarcación Salvamar Mirach de Salvamento Marítimo, unidades do servizo de gardacostas de Galicia, patrulleiras da Garda Civil, o helicóptero Pesca 1 da Xunta de Galicia e efectivos mobilizados polo 112 Galicia.
Ademais, varios pesqueiros da zona sumáronse aos labores de rastrexo e, un deles, encargouse de dar a volta ao pesqueiro, que estaba quilla arriba, para comprobar que o patrón non se atopase no seu interior.
O Concello de Baiona, de onde era o mariñeiro falecido, decretou dous días de loito oficial, mentres que o municipio de Nigrán, no que residía o patrón aínda desaparecido, anunciou que suspende todos os actos festivos e culturais programados para os próximos días, en apoio e solidariedade coa familia.