domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

No camiño do vento

Sesé Mateo na praia de Barra en 1999. CEDIDA
Sesé Mateo na praia de Barra en 1999. CEDIDA

Vítima mortal da violencia de xénero, as palabras de Sesé Mateo chegan a nós en forma dun libro que recolle os seus poemas. Os ingresos acadados coa súa venda irán ao apoio de orfos e orfas dese tipo de violencia

A SÚA foi unha cicatriz máis na nosa sociedade a través desa noxenta listaxe de mulleres mortas pola violencia de xénero. O 20 de febreiro de 2017 a súa vivenda de Chapela saltaba polos aires pola acción da súa exparella ao detonar dúas bombonas de butano coas que esperaba a chegada de María José Mateo, coñecida como Sesé. Entre as ruínas daquela acción, e xunto aos corpos sen vida de ambos, unha libreta vermella acollía, como unha caixa de Pandora, os sentimentos de Sesé convertidos en palabra, feitos poemas ou breves textos, todos eles agochando unha impactante forza. Foron escritos entre 2006 e esa data que nunca temos que esquecer, e viñan completar unha serie de textos anteriores que esta muller, cunha vida chea de loitas individuais e compromisos colectivos, elaborou dende os oitenta. Agora, xuntos, e da man de mulleres como Helena Torres, Olga Nogueira, Sonia Díaz, Anxos Sumai e Carme Vidal, ven a luz nun libro titulado No camiño do vento.

Cando lemos o que ela escribiu apretamos os puños

"A derradeira palabra de Sesé aínda non se pronunciou", escribe nun luminoso texto sobre a súa escrita a poeta Miriam Ferradáns. Certo, a súa palabra é unha desas palabras que quedan suxeitas no aire como globos de dignidade que poder baixar de cando en cando para ben de todos nós. A saída do prelo deste libro é precisamente iso, un globo de honestidade, tamén de forza, dunha muller que fixo da súa forza para enfrontarse ás labazadas que lle deu a vida o seu sangue. En Venezuela, onde criou dous fillos, ou en Chapela, onde tivo outro, e onde se involucrou na loita feminista a través da defensa do aborto, o dereito ao divorcio, a visibilidade da muller e a vida sen violencia, así como en diferentes entidades culturais de Vigo que fixeron do seu activismo unha referencia a favor da Memoria o Nunca Máis ou a Marcha Mundial das Mulleres.

Poema Sesé MateoArredor de todas esas accións móvese a palabra como o fío que Sesé Mateo plantexou entre o que acontecía ao seu arredor e o seu interior. "Si no me dejas la palabra/si ni siquiera las sílabas,/entonces esta locura/saltará de una a otra flor/en busca del polen,/de amor", escribiu Sesé en 1989. Versos en castelán, versos en galego, que podemos mercar en www.sesemateo.es ou nas próximas presentacións do libro. Esperas, vértixes, feridas, lembranzas, silencios, sucéndense nos seus escritos. "Esta noche, aquella noche,/la noche", presaxio lorquiano ao que tamén se suma a nosa poeta ante a presunción da dor. Unha rima da que non se puido afastar durante a súa vida, só de cando en cando raiolas de luz acariñaban a súa cara modelando o seu sorriso. O amor, si, o amor pese a todo, sempre o amor. Os seus fillos, pero tamén pouco a pouco a confianza plena na súa condición feminina: "Soy un ser humano valioso y valorado/Siempre me tratan con respeto./Estoy capacitada y tengo poder./Apoyo a las demás mujeres./Tengo derecho a poner límites/con respeto al comportamiento de los demás./Todos respetan mis límites (...) Soy libre para ser todo lo que puedo ser".

Sesé Mateo superou o seu destino dende a palabra, xa que cando lemos o que ela escribiu apretamos os puños ante ese destino fatal, ante un final que agora o vento move para poñernos aos lectores no seu camiño, descubrindo como aquela muller que era unha cifra da violencia é unha vida á que asomarnos neste libro de solidariedades e obrigas morais para nós.

No camiño do vento
Comentarios