
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vai investir 412.192 euros en obras de reforma para dotar de fisioterapia tres centros de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, ademais de renovar dous esterilizadores de vapor no Hospital Montecelo.
Segundo informan as autoridades sanitarias nun comunicado, un dos servizos de fisioterapia será para o centro Virxe Peregrina, na cidade de Pontevedra, ao que se destinarán 188.000 euros. Ademais, dotarase deste servizo o centro de saúde de Vilanova de Arousa, por un investimento de 31.823 euros, e ao centro comarcal da Tafona de Caldas de Reis, por 28.994 euros. Esta última infraestrutura tamén contará con rehabilitación e traballo social.
Paralelamente, o Sergas renovará, con 165.000 euros, dous dos cinco equipos esterilizadores de vapor do Hospital Montecelo que prestan servizo a 16 quirófanos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Estas adquisicións, explica o Sergas, contan coa "vantaxe técnica adicional de ser trasladables e integrables" na futura central de esterilización contemplada no proxecto arquitectónico Gran Montecelo, que prevé unificar nun mesmo espazo todos os aparellos específicos para este labor.