Os traballadores de Maderas Iglesias marchan de Porriño a Vigo para esixir "solucións"

Un manifesto enxalzou os "seis meses de loita" do persoal

Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias. SALVADOR SAS (EFE)

Unhas duascentas persoas, na súa maioría pertencentes ao cadro de persoal de Maderas Iglesias, desenvolveron este xoves unha marcha a pé desde as instalacións desta empresa situada no Porriño ata a cidade de Vigo para demandar á Xunta "unha solución" que garanta a viabilidade da compañía.

Os manifestantes partiron ás 8.30 horas da fábrica situada na estrada de Atios a Pontellas e finalizaron o seu percorrido ante o edificio administrativo do Executivo autonómico na cidade olívica, onde o presidente do comité de empresa, Vicente Molares (CIG), procedeu á lectura dun manifesto.

O texto enxalzaba os "seis meses de loita" dun persoal "que esixe á administración unha solución" xa que, dixo, os traballadores están dispostos a defender os seus postos de traballo "ata o final".

O representante sindical revelou que o comité se reunirá este venres no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) cunha representación da compañía e do propio organismo, "un paso máis" para chegar a conseguir o seu obxectivo, "que a empresa sexa viable", expresou. Molares lembrou que Maderas Iglesias, dedicada á fabricación de tarima flotante, contaba en 2009 cuns 800 empregados, unha cifra moi afastada dos 250 que traballan alí na actualidade.

Para facilitar a participación do cadro de persoal nesta marcha reivindicativa, o comité convocara para este xoves unha xornada de folga e continúa coas xestións institucionais orientadas a solicitar apoios entre as distintas administracións públicas locais da zona.

Baixo a lema Basta de ERE. Pago dos salarios. Polo mantemento do emprego en Maderas Iglesias, os manifestantes camiñaron máis de dezanove quilómetros co apoio de varios representantes políticos e sindicais mentres coreaban consignas como: "Queremos traballar pero tamén cobrar" ou "Xuntas e unidas xamais seremos vencidas".

Entre os que se uniron á marcha atopábanse o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; o de Ponteareas, Xosé Represas; e varios edís do Porriño, ademais do deputado autonómico do BNG Luís Bará.

Este último lembrou, en declaracións aos medios, un acordo parlamentario impulsado polo seu partido e que, "aprobado por unanimidade", instaba o Goberno galego a executar as accións necesarias para garantir a viabilidade da empresa, aínda que censurou a "pasividade" que percibe neste sentido.

En concreto, Luís Bará avogou por "parar os pés ao empresario e ás manobras de descapitalización da empresa, pola renegociación da débeda, que non é moi grande, e pola procura dun socio investidor industrial", continuou. Por último, felicitou aos traballadores mobilizados xa que, engadiu, as súas protestas foron as que propiciaron "que se desen algúns pasos" para que a compañía volva ser algún día "competitiva".