O Plan Concellos repartiu 154 millóns entre 59 concellos entre 2016 e 2018

Silva destaca que foi "o maior investimento da historia" da institución, que se traduciu en 1.400 obras e 3.305 empregos na provincia

Carmela Silva. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva. CEDIDA

 O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra repartiu 154 millóns de euros entre 59 concellos da provincia entre 2016 e 2018, segundo informou este venres a presidenta da institución, Carmela Silva. Así mesmo, apuntou que contan con 30 millóns correspondentes a 2019 "que xa teñen á súa disposición".

"Nunca os concellos recibiron tantos recursos. É o maior investimento da historia; dámos moito máis que o que di a lei", subliñou. "Por que antes os fondos se repartían de xeito arbitrario e a dedo?". A esta cantidade, matizou, haille que sumar os investimentos procedentes doutros departamentos, o que achega un resultado "duns 300 millóns, como ben informou o presidente accidental", en alusión ao almorzo informativo do vicepresidente, César Mosquera.

Os 159 millóns divídense en tres liñas. Á 1, de investimentos, correspóndenlle 117, cos que se sufragaron 1.400 actuacións: o 56% foron novas infraestruturas ou mellora de edificacións municipais (686), o 18% obras de pavimentación (213), o 15% de saneamento (154) e o 11% adquisicións de bens e equipamentos (334).

Outros once millóns serán para a liña 2 (amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes dos concellos), mentres que os 26 millóns da liña 3 se destinaron á creación de 3.305 postos de traballo nas administracións locais da provincia. Son empregos "de socorristas, ordenanzas, vixilantes, operarios de recollida do lixo, peóns, técnicos de turismo... Sen esta liña os concellos non poderían prestar estes servizos", subliñou a presidenta da Deputación.

Silva recomenda ao alcalde de Tui que acampe diante da Xunta e que se dedique a solucionar a situación urbanística do municipio
 

Á area de Pontevedra (na que a institución inclúe a Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Portas, Marín, A Lama, Barro, Campo Lameiro, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa) correspondéronlle preto de 24 millóns de euros nestes tres anos de lexislatura. "Esta Deputación fala con datos. Ao abeiro deste plan provincial, puxemos a disposición da comarca de Pontevedra máis de 18 millóns da liña de investimentos, máis dun millón na de amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes, e case catro millóns na de emprego", destacou Silva.

En concreto, ao abeiro da liña 1 de investimentos, a Deputación xa xestionou 246 actuacións por valor de preto de 14 millóns de euros. Máis polo miúdo, realizáronse achegas para levar a cabo 40 actuacións de saneamento por preto de tres millóns de euros, 46 de pavimentación e renovacións de rúas por máis de tres millóns de euros, 52 de adquisición de bens e equipamentos por preto dun millón e medio de euros, e 92 de novas infraestruturas e mellora de edificacións municipais, por máis de seis millóns e medio de euros.

Á liña 2 correspondéronlle 1,36 millóns de euros, que se distribuíron entre Portas (160.000 euros), A Lama (150.000), Poio (400.000), Caldas (23.000), Cuntis (150.000), Moraña (80.000), Marín (35.000), Barro (55.000), Ponte Caldelas (105.000) e Vilaboa (190.000 euros).

MÁIS OBRAS. "Son cifras históricas que falan da extraordinaria xestión desta Deputación, con toda humildade", manifestou Silva Rego. Entende que a política "non é un campo de batalla", senón que "serve para que a xente poida vivir con dignidade".

A súa comparecencia tivo lugar despois da Xunta de Goberno local, na que se aprobaron cinco actuacións en viais provinciais por máis de 3,5 millóns de euros, entre elas o expediente de contratación para adxudicar o Plan Móvese (fase 2), con 1,5 millóns, e o da obra de seguridade viaria na Granxa (Dorrón, Sanxenxo), por 331.000 euros. Así mesmo, deuse vía libre a 91.000 euros do Plan Concellos para actuacións en Cambados, Cangas e Redondela.

Por outra banda, a presidenta provincial quixo iniciar a súa comparencencia lembrando ás vítimas da violencia machista deste verán, polo que agarda que "todos os grupos" apoien o Real Decreto de medidas contra la violencia machista que presentará o Goberno central, "porque é urxente que se poñan medidas en marcha".

Así mesmo, tamén tivo palabras para o alcalde de Tui, Carlos Vázquez, quen anunciou que acampará na Alameda para protestar contra a Deputación e o Goberno (representado na Subdelegación) por non cumprir as súas promesas despois da explosión pirotécnica. "A Administración que ten esas competencias é a Xunta, equivócase de sitio". Tamén o instou a solucionar "o seu grave problema: a situación urbanística".

Comentarios