lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

O polígono da Fragamoreira, un silveiral 16 anos despois

Matorrais nunha das parcelas de Xestur. A. M. U.
Matorrais nunha das parcelas de Xestur. A. M. U.
O abandono das parcelas, propiedade de Xestur, provocou as queixas dos veciños das terras colindantes, que piden a súa limpeza

Hai arredor de 16 anos que saíu á luz no concello de Poio un plan destinado a resolver as carencias do solo industrial do municipio, e que se deu a coñecer como polígono da Fragamoreira. Do proxecto, que na altura do ano 2004 e nos anos seguintes provocou o rexeitamento de parte da veciñanza propietaria dos terreos, que era contraria ao prezo que se ofrecía por eles, pouco se volveu saber. Ata o momento, permanece paralizado. Hoxe, as silveiras e os matorrais invaden as parcelas destinadas ao polígono, que na actualidade son propiedade da entidade xestora do solo de Galicia dependente da Xunta de Galicia, Xestur S.A, e que lindan con outras terras que, se ben tamén se contemplan dentro do proxecto, aínda pertencen aos seus propietarios orixinais, particulares veciños de Poio e das zonas rurais próximas, que seguen a facer uso das terras, a maioría delas con plantacións de viñas.

Ante o estado de "abandono" dos terreos de Xestur, piden a súa "limpeza inmediata", xa que as silveiras invaden os terreos que aínda son de propiedade veciñal, e nalgúns casos xa están a afectar ás viñas, tal e como puido comprobar este xornal. "As silveiras xa pasaron á miña finca e eu non podo limpalas. Teñen que facerse cargo disto", sinala un dos propietarios. Neste sentido, os veciños tamén advertiron do perigo da maleza ante un posible lume, xa que se atopa nunha zona moi preto das casas.

O concelleiro de Urbanismo asegura que Xestur ten varios requerimentos do Concello

Pola súa parte, dende o Concello de Poio, o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, asegurou que "Xestur ten varios requerimentos por parte do Concello. Hai un ano tivemos unha reunión onde tamén se comprometera a limpar as parcelas, pero iso segue sen facer". Agís refírese á xuntanza mantida en setembro do 2019 entre representantes do Concello e de Xestur, na que a entidade garantira a limpeza das parcelas "nun prazo breve de tempo", e na que o Concello solicitara o estudo da viabilidade do proxecto. Agís insiste na "necesidade de impulsar o polígono", que considera "un potenciador económico para xerar emprego" no concello. "Xestur é o responsable das parcelas e a el correspóndelle a limpeza. Resulta curioso que a un veciño que non limpa as súas fincas o multen e, sen embargo, eles fan caso omiso", critica.

POR QUE ESTÁ PARADO? Aínda que, segundo o Concelleiro de Urbanismo, a Xunta achaca a paralización do polígono a unha "cuestión económica", Agís insiste en que se trata de "prioridades". Para el é "unha cuestión de vontade. Agora hai moitas opcións para a obtención dos terreos restantes, como é a expropiación ou a compra venda voluntaria".

De feito, segundo o Concelleiro, de chegar a executarse o polígono, o seguinte paso sería "que Xestur merque as parcelas que faltan para executar o polígono coas súas rúas, servizos e numeración". Despois de proceder á posta a disposición dos terreos, viría a licitación das diferentes fases do proxecto, para permitir que as empresas se ubiquen alí. "O que ten que facer Xestur é avanzar, que foi o comprometido. Anunciaron a bombo e platillo que en 2013 teriamos polígono, e xa vemos o que pasou", critica Agís, que tamén salienta que "hai empresas con interese en ubicarse alí, pero agora mesmo esa posibilidade non existe, porque non hai unha superficie de parcelas".

HISTORIA. O proxecto do polígono da Fragamoreira contempla uns 100.000 metros de superficie, ubicados nunha zona rural, con abundancia de árbores autóctonas e espazo verde, que antes do inicio da compra das parcelas eran traballadas polos propietarios, co cultivo de millo, patacas ou viñas, entre outros. Agora a zona está ateigada de matorrais que interfiren con algúns dos cultivos colindantes que aínda sobreviven.

O proxecto púxose en marcha arredor do ano 2004, e inicialmente foi impulsado polo Concello de Poio. Cando o bipartito formado por PSOE e BNG accedeu á Xunta de Galicia, Xestur pasou a facerse cargo do proxecto para impulsalo. Nese momento, comezáronse a mercar as parcelas aos propietarios e redactáronse os proxectos. Co cambio de Goberno na Xunta, o Partido Popular garantira o impulso do proxecto, que finalmente quedou paralizado. A pesar de que van máis de 15 anos dende a idea inicial de executar un polígono na zona, e que supuxo a compra e derrube de dúas vivendas de familias no momento, o Concello de Poio non renuncia á idea. "Poio precisa unha zona industrial para certas actividades que noutras zonas xerarían moito impacto, e estamos perdendo posición de cara a certas empresas por carecer deste espazo", explica Agís.

O polígono da Fragamoreira, un silveiral 16 anos despois
comentarios