Pontevedra invita a "saborear Rías Baixas" na súa nova campaña promocional

A Deputación invita á cidadanía a comprar "produtos de proximidade" da zona
Carmela Silva. DAVID FREIRE
photo_camera Carmela Silva. DAVID FREIRE

Unha campaña coa que se invita aos turistas a "saborear as Rías Baixas" será o broche de ouro ás accións que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra este ano para promocionar os 61 concellos da provincia.

Na presentación desta última campaña, a presidenta Carmela Silva avanzou que nas próximas semanas o goberno provincial lanzará unha "creativa, moderna e especial" acción promocional que porá en práctica en 2020.

"Pretendemos que a cidadanía compre produtos de proximidade das Rías Baixas e que se regalen cousas diferentes, ligadas ás emocións e ás experiencias", destacou a dirixente socialista.

Silva destacou que a iniciativa Este Nadal saborea Rías Baixas está pensada "especialmente" para os agasallos do Nadal e ofrecerá cinco propostas diferentes.

O paquete Estrelas nos fogóns animará a degustar a gastronomía "de fama internacional" cos mellores cociñeiros de Pontevedra, mentres que De mercado en mercado levará aos visitantes a probar os "saborosos produtos" dos mercados tradicionais.

O mundo do viño e Escancia a mellor sidra, pola súa banda, invitarán a visitar adegas da Ruta do Viño e os lagares de sidra da Estrada e, para rematar, Mariscadoras por unhas horas ofrecerá aos participantes vivir "en primeira persoa" como as produtoras locais extraen o marisco.

Comentarios