O PP acusa ao Goberno provincial de subirse os soldos en plena pandemia

O deputado socialista Carlos López Font asegura que os populares menten e "volven demostrar unha ignorancia supina"
Pepa Pardo, Jorge Cubela e Alejandro Lorenzo compareceron onte en rolda de prensa. PP
photo_camera Pepa Pardo, Jorge Cubela e Alejandro Lorenzo compareceron onte en rolda de prensa. PP

Os soldos dos deputados provinciais convertéronse este martes en nova causa de enfrontamento entre o Goberno da Deputación e o equipo do Partido Popular. O voceiro deste último, Jorge Cubela, compareceu xunto aos seus compañeiros de filas Pepa Pardo e Alejandro Lorenzo para denunciar que, en plena pandemia, o Goberno de Carmela Silva inclúa nos Orzamentos para 2021 un aumento das retribucións que perciben os deputados.

Segundo os populares, as dedicacións exclusivas pasan "de 14 a 16, o que supón case 70.000 euros máis que este ano, chegando a 681.418 no reparto de soldos, un 11% máis". Segundo Cubela, trátase dun "auténtico despilfarro que inclúe ademais o aumento do 4,6% no soldo de Carmela Silva e do resto de deputados, cando a variación do IPC vai ser negativo".

"Con esta medida política, en medio de aprobación de Erte por parte das empresas, coa hostalería pechada, coas cifras de desemprego que temos... Carmela Silva hoxe retrata ao seu Goberno. Non merecen o soldo que gañan nin o que van a aumentar", dixo.

Nesta liña, Pepa Pardo adiantou que o PP xa rexistrou por escrito un documento no que reclama que se paralice esta suba e, no caso de que o Goberno persista, non se lle aplique aos deputados populares con dedicacións parciais.

Non obstante, o equipo de Carmela Silva desmentiu este martes mesmo estas acusasións e afirmou que o PP mente.

"É unha absoluta falacia e non o imos consentir. É tráxico que un partido condenado por corrupción, con ducias de dirixentes que roubaron a mans cheas, pretenda dar leccións de nada", dixo o socialista Carlos López Font. Este lembrou que na Corporación provincial "hai unicamente dúas dedicacións exclusivas e 14 parciais entre as que se atopan catro das deputadas e deputados do PP" e explicou que a suba dos salarios é "do 0,9%, que foi a que aprobou o Goberno de España para funcionarios públicos e asimilados".

Recordou que "en 2020 o Executivo central aprobou unha suba salarial do 2% que non se contemplou no Orzamento inicial da Deputación, polo que se fixo unha modificación posterior para implementar os recursos necesarios. E o PP, demostrando a súa ignorancia, fai unha comparativa de costes salariais deste ano con xaneiro de 2020, en vez de facela unha vez aprobada a modificación. Menten coas dedicacións exclusivas e coa suba salarial. A diferencia de gastos só sube 19.494 euros".

Emenda á totalidade dos Orzamentos
O PP provincial anunciou onte que presentou unha emenda á totalidade dos Orzamentos elaborados polo Goberno da Deputación para 2021. As Contas, que serán debatidas nun Pleno extraordinario este vindeiro venres, ascenden a 164,5 millóns de euros, o que supón un incremento dun 2,1% con respecto ás deste ano.

Segundo sinalaron os populares Jorge Cubela e Pepa Pardo, "estamos nunha situación excepcional que precisa dunhas Contas excepcionais, e o que presenta este Goberno é unha subida de soldos e un documento totalmente continuista. Se en 2020 era malo para a provincia, en 2021 está moi afastado dos retos que necesitamos".

De feito, os deputados do PP criticaron que os Orzamentos da Deputación "non contemplen" medidas de axuda para os colectivos máis damnificados pola pandemia da covid-19.

Comentarios