Praias de Sanxenxo, Poio, Nigrán e Cangas acollerán o 'Verán deportivo' que patrocina a Deputación

O programa combinará vóley praia, futvoley e tenis praia con iniciativas sociais e ambientais
Playa de Silgar. DP
photo_camera Praia de Silgar. DP

As praias de Baltar en Sanxenxo, Lourido en Poio, Panxón en Nigrán e Rodeira en Cangas acollerán entre o 10 de xullo e o 15 de agosto o Verán deportivo que patrocina por vez primeira a Deputación de Pontevedra

No acto de presentación deste programa que combina vóley praia, futvoley e tenis praia con iniciativas sociais e ambientais, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dixo que o seu obxectivo é converter á provincia "nun gran referente dos deportes de praia no conxunto do Estado e de Galicia". 

Carmela Silva estivo acompañada nesta presentación polos concelleiros de Deportes de Poio (Marga Caldas), Nigrán (Luís Sanromán), Sanxenxo (Daniel Arosa), representantes das Federacións Galegas de Tenis (Marco Casal) e Voleibol (Alberto García), ademais dos deportistas Begoña Montenegro, Aida Pérez e Enrique Herrera

O 'Verán Deportivo', que se celebrará entre o 10 de xullo e o 15 de agosto, acollerá unha competición para persoas federadas e outra dirixida a persoas amateurs

O Verán Deportivo estará aberto a maiores de 16 anos e acollerá dúas competicións: unha para persoas federadas e outra dirixida a deportistas amateurs. O evento arrincará os días 10 e 11 de xullo con vóley praia en Panxón (Nigrán).

Os días 17 e 18 de xullo continuará no areal de Baltar de Sanxenxo con tenis praia e futvoley e, no mesmo espazo pero os días 24 e 25 de xullo, con vóley praia. Os días 31 de xullo e 1 de agosto a praia de Rodeira en Cangas acollerá tenis praia e futboley. Xa en agosto, os días 7 e 8, terán lugar as competicións de vóley praia en Lourido, Poio. O Verán Deportivo finalizará o fin de semana do 14 e 15 de agosto con tenis praia e futvoley tamén en Lourido, Poio. 

Ademais das competicións haberá tamén en cada concello sesións de formación sobre estas disciplinas deportivas para o público infantil, que terán lugar, todas elas, o venres anterior ao comezo das probas.

Comentarios