Preto de 4.000 persoas, chamadas a votar este sábado nos pósitos da provincia

As confrarías de Raxó, Lourizán, Marín, Bueu e Portonovo e Sanxenxo votan de 10.00 a 14.00, e Pontevedra farao ata as 16.00 horas
Unha mariscadora en Lourido. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha mariscadora en Lourido. GONZALO GARCÍA

As confrarías de pescadores de Galicia acollen este sábado a celebración dos terceiros comicios unificados —tralos de 2014 e 2018— para a renovación dos seus órganos reitores. Na provincia de Pontevedra un total de 4.086 socios e socias dos distintos pósitos están chamados a participar nestes comicios, dos que sairán os e as vogais que posteriormente escollerán ás persoas que exercerán o cargo de patrón maior e o resto dos postos de mando destas asociacións.

Por rías, a de maior acción será a de Arousa, con 2.877 persoas implicadas neste proceso nas confrarías pertencentes á provincia (no total de Arousa hai 4.513 electores e electoras). A segunda confraría máis populosa de Galicia, a da Illa de Arousa, con 898 membros, atópase tamén na provincia.

Con respecto á ría de Pontevedra, un total de 601 persoas votarán para determinar a situación dos tres pósitos do fondo da ría: Lourizán, Pontevedra e Raxó; mentres que no total da ría hai 1.209 persoas envoltas nestes comicios, que determinarán tamén quen goberna nos pósitos de Bueu, Marín, Portonovo e Sanxenxo.

Na ría de Vigo, dos 1.063 implicados e implicadas nestas eleccións, 309 son socios das confrarías de Vilaboa e Arcade.

Todas as mesas electorais sen excepción deberon abrir este sábado ás 10.00 horas para iniciar as votacións e a maioría das entidades deben ter rematado ás 14.00 horas. Só sete delas contarán cun período máis amplo para exercer o dereito a voto por teren máis socios. Trátase das de Carril e Pontevedra (que manterán aberta a mesa electoral de 10,00 a 16,00 horas), as do Grove, Noia e Vilanova (de 10.00 a 17.00 horas) e as de Cambados e A Illa de Arousa, que votarán de 10.00 a 18.00 horas.

Ademais, nas confrarías de Fisterra e Porto do Son non haberá eleccións pois as candidaturas presentadas coinciden co número de vogais da xunta xeral, co que todos os candidatos foron proclamados. Polo mesmo motivo, en 18 confrarías só haberá comicios parciais —no colectivo de traballadores ou no de empresarios— pois nalgún deles as candidaturas coinciden co número de vogalías.

As entidades nas que só haberá votacións no colectivo de traballadores son Vilaboa e Vilaxoán na provincia (e Ares-Redes, Caión, Foz, Mera, Miño, Palmeira, O Pindo, Rianxo e Ribadeo no resto das rías). Mentres, as eleccións serán unicamente no colectivo de empresarios nas confrarías de Bueu, Moaña, Sanxenxo e Vigo (así como Carreira-Aguiño, Celeiro e Portosín, no resto de Galicia).

Unha vez electos os vogais da xunta xeral, tomarán posesión dos seus cargos na sesión constitutiva, no prazo máximo de cinco días desde a súa proclamación definitiva, que será o 9 de novembro. Nese primeiro pleno da sesión constitutiva iniciarase o procedemento para elixir a patroa ou patrón maior, as vicepatroas ou vicepatróns e os vogais do cabido.

Os membros da xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta a patroa ou patrón maior entre os candidato e posteriormente ás vicepatroas e vicepatróns primeiro e segundo e os vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

A resolución pola que se convocan estas terceiras eleccións unificadas ás confrarías de pescadores de Galicia saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 5 de setembro. De acordo coa normativa de aplicación, os comicios desenvólvense en tres fases. En primeiro lugar realízanse as eleccións nas distintas confrarías de Galicia, despois celebraranse as votacións nas tres federacións provinciais —A Coruña, Lugo e Pontevedra— e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Comentarios