O PSOE esixe a Augas de Galicia a limpeza dos ríos antes das choivas

"A política autonómica en materia de prevención de inundacións pódese resumir coa famosa frase de 'se chove que chova", di Regades
David Regades. AEP
photo_camera David Regades. AEP

O PSOE provincial denunciou este mércores a "política propagandística" de Augas de Galicia con respecto á limpeza dos ríos e a "falta dunha planificación seria" para previr as inundacións nos tramos máis sensibles coa chegada das chuvias. O secretario xeral dos socialistas, David Regades, recalcou que "a política autonómica en materia de prevención de inundacións pódese resumir coa famosa frase de 'se chove que chova".

Tal e como indicou, segundo os datos publicados por Augas de Galicia, neste ano só se realizaron 20 actuacións de limpeza en 36 tramos interurbanos de ríos e regatos, a meirande parte en treitos moi pequenos. "Unha porcentaxe ridícula que non chega nin ao 0,1%", declarou Regades, quen engadiu que nin sequera se teñen priorizado os treitos declarados como Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación. 

O socialista explicou que o único paso realmente significativo dado pola Xunta este ano foi "desfacerse" de 300 quilómetros de rede fluvial alegando que se trata de tramos urbanos, transferindo as competencias aos concellos e "sen dotalos dun só euro, a pesar de que hai moitos que carecen dos recursos necesarios". 

Ante esta situación, o PSOE esixe que Augas de Galicia elabore e publique con antelación unha programación transparente coas actuacións de limpeza fluvial que se vaian acometer e que esa planificación inclúa un prazo de alegacións para os concellos e colectivos ambientalistas. Ademais, reclama que se redobren os esforzos preventivos nos leitos fluviais e que se estableza unha liña de axudas para os concellos.

Comentarios