Queda durmido ao volante e impacta coa súa furgoneta contra un poste nas Neves

A pesar de que o vehículo envorcou, o home foi rescatado con feridas leves

Un condutor foi rescatado na mañá deste xoves tras envorcar o seu vehículo e chocar contra un poste de iluminación no municipio das Neves ao terse quedado durmido ao volante. Segundo informou o 112 Galicia, resultou ferido de carácter leve.

O home, segundo o seu relato, quedou durmido ao volante cando circulaba á altura da Chan de Vide, o que provocou que a furgoneta que conducía envorcase e acabase chocando contra un poste de iluminación pública. Foi o mesmo condutor quen, sobre as 6.00 horas deste xoves, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Segundo asegurou, estaba ferido e non podía saír do interior do vehículo. 

Por iso, o 112 Galicia alertou aos servizos de Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas. Así mesmo, solicitaron a colaboración dos axentes de Tráfico. Unha vez liberado do interior do vehículo, os bombeiros mobilizados confirmaron o traslado do condutor polos servizos sanitarios.