Rías Baixas, no ecuador da vendima con 28 millóns de quilos de uva recollidos

Na campaña deste ano participan 5.046 viticultores, segundo os datos do Consello Regulador
Vendimia en las Rías Baixas. DP
photo_camera Vendima nas Rías Baixas. DP

A denominación de orixe Rías Baixas recolleu xa 28 millóns de quilos de uva na súa vendima, xusto cando se alcanza o ecuador da campaña. Aínda que as últimas tormentas provocaron que "teñamos que esperar un pouco", segundo o director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, as 179 adegas elaboradoras "atópanse de cheo nos labores de recollida da uva".

As subzonas máis madrugadoras foron as do Condado do Tea e O Rosal, aínda que co paso dos días o proceso de colleita xeneralizouse por toda a denominación. A vendima comezou coas variedades brancas de uva, das que se recolleron xa 27.995.000 millóns de quilos, fronte aos apenas 5.000 quilos que se retiraron das tintas.

Ante o "optimo estado de maduración" da uva e a estabilidade atmosférica que se rexistra, apuntou Lago, Rías Baixas asinará unha "moi boa colleita" que estará preto das cifras estimadas polos organismos de control e certificación, sobre 43,7 millóns de quilos de uva.

Na vendima deste ano participan 5.046 viticultores, segundo os datos do Consello Regulador, que recollerán a uva nas 4.187 hectáreas de superficie produtiva da denominación.

Debido á pandemia, Rías Baixas puxo en marcha un protocolo específico para os 24 auditores e para o persoal técnico implicado nesta campaña de vendima. Ademais de normas xerais como o uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia mínima de seguridade interpersoal, tamén se estableceron normas específicas para as auditorías a realizar nas adegas inscritas e en viñedo.