Saen adiante os orzamentos da Deputación nunha sesión rifa 

As contas do ente provincial ascenderán o ano próximo a 164,5 millóns de euros
Javi Pleno de aprobación de los Presupuestos en la Diputacion
photo_camera Carmela Silva. JAVIER CERVERA

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres, nunha sesión rifa, os Orzamentos desta institución para o ano 2021.

As contas do goberno provincial ascenden ata 164,5 millóns de euros e saíron adiante con 16 votos a favor. Pola súa banda, o PP abandonou a sesión sen votar ao non conseguir intervir cando o debate xa estaba finalizado. 

Os populares presentaran unha emenda á totalidade pedindo a retirada do documento dos orzamentos. O PP reclamaba que o orzamento provincial tivese máis gasto social, axudas para autónomos e pemes, o aumento dos fondos do Plan Concellos e un plan de melloras nas estradas provinciais, entre outras medidas.

O portavoz do PP, Jorge Cubela, sinalou que "ante unha situación excepcional, a provincia precisa dunhas contas excepcionais". 

Pola súa banda o deputado Carlos López Font, portavoz do grupo provincial do PSOE, defendeu que os orzamentos están baseados no crecemento do investimento público, e concibidos como "unha ferramenta para xerar actividade económica, emprego e cohesión social no marco da Axenda 2030". 

A actitude do Partido Popular foi obxecto de reproche por parte de Carlos Font que afirmou que "as máis elementais normas da Democracia indican que, finalizado o debate, non corresponde a ninguén máis intervir" e dixo que a protestade os deputados do PP "é exactamente o mesmo que sucedeu no Parlamento de Andalucía cando un deputado de Vox, con moi malos xeitos, abandonou o Pleno".

"FALSIFICAR DATOS" 

O portavoz do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, tamén foi moi crítico co Partido Popular por falsificar "datos" respecto da suposta subida de salarios no Goberno provincial. 

"Vostedes miraron as contas cos ollos cheos de sangue e, como non atoparon nada, fixeron unha asquerosa interpretación das retribucións", dixo. 

Sobre este mesmo asunto, durante o debate, o portavoz socialista trasladou unha réplica ás declaracións do presidente provincial do PP e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, "rógolles que lle transmitan ao señor Rueda que o día que queira falamos de salarios, de sobres e de corrupción, e do que queira", dixo Font.

75 MILLóNS

Pola súa banda, Mosquera elevou o gasto directo en favor dos concellos, sumando diversos servizos provinciais, ata 75 millóns de euros. E sinalou que se a Xunta de Galicia asumise as súas competencias ao completo, en servizos como o Príncipe Felipe, a Escola de Cantería, ou os centros do Areeiro ou Mouriscade, a Deputación de Pontevedra disporía de 20 millóns de euros máis que podería pór a disposición dos concellos.

O vicepresidente concluíu que, unha vez incorporados os remanentes e posibles fondos europeos, a Deputación acabará manexando un Orzamento superior aos 200 millóns ao longo do ano próximo e recalcou que se trata das mellores contas para a provincia "porque converten aos concellos en protagonistas".

Durante a celebración do pleno, CC OO escenificou diante do Pazo Provincial o "enterro da carreira profesional" dos funcionarios do organismo, denunciando o "enchufismo" que, segundo este sindicato, derivará destes Orzamentos da Deputación. 

Comentarios