A ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén aumentará un 70% a súa superficie útil

O conselleiro de Sanidade visitou este martes as obras

Jesús Vázquez Almuíña. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Jesús Vázquez Almuíña. VITORIA RODRÍGUEZ

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou este martes que a ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén aumentará "nun 70%" a súa superficie útil. 

Almuiña visitou este martes as obras de reforma e ampliación do centro de saúde nas que o Sergas vai investir 148.650 euros, informou a Consellería de Sanidade. 
Os traballos, que comezaron este mes de febreiro, teñen un prazo estimado de tres meses e, concreta a Consellería de Sanidade, permitirán incrementar a superficie útil do centro nun 70%, pasando dos actuais 112 metros cadrados a preto de 190, unha vez terminadas as obras. 

Esta actuación, incide Sanidade, "enmárcase dentro do plan de mellora das infraestruturas de Atención Primaria que leva a cabo o Goberno galego". 

A reforma permitirá dotar ao centro, que atende a unha poboación de máis de 1.500 persoas, dunha consulta polivalente e unha de enfermería pediátrica, así como dunha sala de espera separada para pediatría. 

Mentres duren as obras de reforma e ampliación, a atención sanitaria, explica Sanidade, prestarase no Punto de Atención Móbil —composto por dúas unidades— e "conformado como centro de saúde". 

Comentarios