O Servizo Galego de Saúde (Sergas) convocou a 3.330 persoas de 18 a 35 anos a cribados entre este venres e o vindeiro luns nas localidades pontevedresas de Caldas de Rei, Poio, Marín e Pontevedra para detectar casos de covid-19 entre persoas asintomáticas.
Segundo informou o Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, este venres están citadas 1.530 persoas de 18 a 35 anos a un cribado en Caldas de Reis con test de antígenos. Terá lugar en quendas de mañá e tarde na Escola Obradoiro.
O sábado día 10 foron convocados a probas PCR un milleiro de persoas da mesma idade de Pontevedra, Poio e Marín no aparcadoiro do Hospital Provincial en quendas de mañá e tarde.
Pola súa banda, este domingo, 11 de xullo, están citadas unhas 400 persoas de 18 a 35 anos de Pontevedra, Poio e Marín a test de antígenos en quendas de mañá e tarde tamén no aparcadoiro do Hospital Provincial na cidade do Lérez.
E o luns, día 12, está previsto un cribado poboacional con 400 participantes de Pontevedra, Poio e Marín, da mesma franxa de idade, con test de antígenos que levarán a cabo no mesmo aparcadoiro do Hospital Provincial en quendas de mañá e tarde.
Por parte da área sanitaria pontevedresa indícase que tanto os resultados das PCR como do test de antígenos enviaranse aos participantes mediante mensaxe SMS. E no caso dos positivos o Sergas contactará con esas persoas para informarlles das medidas preventivas a adoptar.