Terra, unha das crías recuperadas logo de ser arroxadas no lixo, xa ten fogar

O Centro de Acollida e Animais da Deputación tamén recibiu unha petición para adoptar a Sabela, outra das cadelas da mesma camada
Terra, a cadela adoptada. DP
photo_camera Terra, a cadela adoptada. DP

Terra, unha das cadelas da camada de catro cachorros que o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) conseguiu salvar despois de que foran arroxados en novembro a un colector en Vilanova de Arousa, xa ten un novo fogar. A pequena cadela foi adoptada o sábado día 11, só 24 horas despois de que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordara a súa historia e recuperación na comparecencia para facer balance anual do centro, na que estivo acompañada das catro crías.

Como sinalara Silva, tanto Terra, como Sabela, Ceo e Ares, xa estaban preparados para saír en adopción. E non fixo falta esperar máis dun día para que a primeira atopase un novo fogar no concello da Estrada, grazas á mediación da Asociación Palleiráns. Amais, o CAAN tamén recibiu outra petición para adoptar a Sabela, que probablemente se resolverá esta mesma semana.

Hai que lembrar que estes catro cachorros ingresaron no centro en condicións moi críticas o pasado 30 de novembro. A Guarda  Civil de Caldas localizara un total de cinco animais (dous machos e tres femias) no interior dun colector no lugar do Monte, na parroquia de Deiro (Vilanova), con apenas horas de vida, e os trasladou ao CAAN. Unha das cadelas chegou sen vida ao centro e o resto atopábanse con hipotermia e moi débiles. Os veterinarios do CAAN conseguiron estabilizalos e alimentáronos con biberón. Neste senso, trasladaban de noite aos cachorros ao seu propio domicilio para alimentalos cada dúas ou tres horas.

Case mes e medio despois, os cachorros están en perfectas condicións e xa saíron en adopción, como amosou Silva a pasada semana na presentación dos “extraordinarios” resultados do centro no 2019. Así, ao longo do pasado ano foron 466 as adopcións acadadas, o que constitúe o récord anual desde que abriu o centro no 2013 e que estaba nas 430 logradas no 2016.

Los cuatro cachorros rescatados en un contenedor de Vilanova. DP
Los cuatro cachorros rescatados en un contenedor de Vilanova

Amais, reduciuse o número de recollidas, cun total de 1.290 fronte ás 1.788 que se fixeron no 2018. Hai que salientar tamén os resultados da recente campaña de sensibilización para fomentar as adopcións e a tenza responsable de animais. Neste senso, 'Esteriliza, adopta', acadou entre o 27 de novembro e o 9 de xaneiro un total de 48 adopcións. Outros 350 cans e cadelas esperan agora no CAAN atopar un novo fogar.

Comentarios