Unha vendima solidaria para as persoas con discapacidade intelectual

Parte da uva recollida destinarase a elaborar unha edición especial de Albariño La Val cuxos beneficios irán a unha iniciativa de Aspanaex

Vendimia solidaria. EP
photo_camera Vendima solidaria. EP

Adegas La Val, pertencente á DO Rías Baixas, iniciou a vendima cunha xornada solidaria na que participaron xornalistas e persoas con discapacidade intelectual que forman parte de Aspanaex.

Parte da uva recollida destinarase a elaborar unha edición especial de Albariño La Val, cuxos beneficios irán destinados ao proxecto Axúdanos a construír un soño, da Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra. 

Esta iniciativa pretende construír unha residencia en Vigo que albergará 58 prazas para persoas con discapacidade intelectual que, por diferentes causas, non poden permanecer na súa casa.

A directora xerente de Aspanaex, Beatriz Macías, agradeceu "enormemente" esta acción da adega e que a súa asociación fose "a elixida este ano". E é que esta é a segunda vez que Adegas La Val crea unha edición especial dun viño solidario. A pasada vendima entregáronse parte dos beneficios obtidos á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).

Vendima solidaria. DP

Comentarios