A UVigo únese a Portugal para loitar contra os incendios na Raia

Investigadores dos tres campus participan no proxecto europeo Firepoctep
Juan Picos. DAVID FREIRE
photo_camera Juan Picos. DAVID FREIRE

Plantar cara ao reto da prevención de incendios e a xestión forestal nun contexto de cambio climático ao longo da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo de Firepoctep, un proxecto no que participan investigadores dos tres campus da Universidade de Vigo. Seleccionado na convocatoria Interreg V A España-Portugal, este proxecto está coordinado pola Xunta de Andalucía, conta coa participación de 21 institucións españolas e lusas e un orzamento de case 5,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder.

O proxecto, presentado esta semana en Sevilla, engloba iniciativas como a identificación de zonas "estratéxicas de xestión" en diferentes áreas piloto ao longo da fronteira. Está concibido para sumar esforzos e "unificar criterios de actuación conxunta" en dous "dous países máis vulnerables ao cambio climático da Unión Europea", e pretende promover o intercambio de propostas innovadoras e boas prácticas en materia de loita contra incendios, fomentar o emprego no rural e impulsar un plan de formación e sensibilización da cidadanía.

"É a primeira vez que se trata de levar a cabo unha experiencia coordinada ao longo de toda a raia", destaca o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, que coordina a participación da UVigo, que inviste 420.000 neste proxecto.

Picos subliñou que Firepoctep permitirá colaborar "con organizacións con moita experiencia neste campo" e contribuirá "a reforzar lazos entre equipos dá propia Universidade".

Así, estruturado en seis actividades e cinco áreas piloto, os investigadores da EE Forestal Juan Picos, Julia Armesto, Laura Alonso e Carlos Souto traballarán na determinación desas zonas estratéxicas do Baixo Miño. Por outra banda, os integrantes do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais (GTA) Fernando Augado, Pedro Orgeira e Carlos Ulloa, xunto con Juan Carlos González Moreno, do Laboratorio de Informática Aplicada, desenvolverán un "sistema de axuda" á pilotaxe de drones en condicións de lume nocturno. Ademais, Pablo Esquerdo, do grupo CIMA, deseñará un software para determinar o emprazamento idóneo de sensores de detección temperá de lumes e a investigadora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, María Isabel Doval, traballará no deseño de accións que contribúan á formación e sensibilización da poboación na loita contra os incendios.

Comentarios