O xoves ábrese o prazo para solicitar o permiso de pesca de lamprea no Tea

As peticións poderán presentarse tendo os permisos en regra e durante un prazo de dez días

Lampreas capturadas. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Lampreas capturadas. GONZALO GARCÍA (ADP)

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu este mércores o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas augas do río Tea. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde de dita normativa e fixa o período para a tempada 2019. 

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez destacou que a lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidas para o resto das especies. 

Segundo a normativa que se publica este mércores, as lampreas péscanse desde pontones de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha pescan catro persoas, un posto ao que os pescadores acceden mediante sorteo previo. 

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días a partir do xoves, e os pescadores deberán estar en posesión da correspondente licenza e autorizados con permisos de cuarta categoría. Tamén deberán posuír o libro de rexistro de capturas, debidamente cuberto e a disposición das autoridades.

SORTEO O sorteo para a adxudicación dos postos de pesca para a colocación de estacadas no Tea terá lugar no refuxio de A Freixa (Ponteareas) o 18 de xaneiro de 2019, ás 11,00 horas.

Na próxima tempada, o período hábil de pesca estenderase do 4 de febreiro ao 11 de maio e realizaranse en días alternos: o luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e e martes, xoves e sábados desde os pares.

Ademais, prohíbese a pesca desde as 8.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns: polo tanto, permítese a pesca desde as 21.00 horas do día autorizado ata as 8.00 horas do día seguinte. 

Comentarios