A Xunta concede axudas á Lama, Dozón e Crecente para os sistemas de augas

O delegado territorial, Luis López, anunciou a concesión destas achegas de Augas de Galicia para municipios de ata 5.000 habitantes
O delegado territorial da Xunta, Luis López, xunto ao alcalde, Jorge Canda, na súa visita á Lama. CEDIDA
photo_camera O delegado territorial da Xunta, Luis López, xunto ao alcalde, Jorge Canda, na súa visita á Lama. CEDIDA

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, concederá axudas para a mellora dos sistemas de abastecemento e depuración de augas aos concellos da Lama, de Dozón e de Crecente ao abeiro da orde orientada aos municipios de ata 5.000 habitantes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a aprobación destas achegas, outorgadas por Augas de Galicia, na súa visita do luns á Lama xunto ao alcalde, Jorge Canda. O delegado explicou que "a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está comprometida coa mellora dos servizos de subministración de auga potable e saneamento, malia tratarse de competencias municipais e por iso establece constantes liñas de colaboración cos concellos".

No caso da Lama, a achega realizada pola Xunta, que ascende a case 30.000 euros, orientarase á mellora da rede de saneamento en Laxedo, na parroquia de Covelo. Ademais, tamén se investirán máis de 90.000 euros en Crecente, destinados ao reforzo do abastecemento nas Cavadas e O Cazapal e á dotación de saneamento nas aldeas da Xesta e Xestal.

Así mesmo, o concello de Dozón será beneficiario de dúas achegas, que tamén superarán os 90.000 euros e que financiarán a modernización da subministración no polígono industrial e no lugar de Aldea Grande e a redacción do anteproxecto para unha depuradora na Gouxa.

Estas axudas financiadas co eixo React-EU servirán para sufragar gastos realizados dende o pasado 1 de xaneiro e inclúen tanto o investimento directo na execución das obras como os gastos asociados a elas, entre os que poden figurar o control de calidade ou a dirección dos traballos.

Comentarios