A Xunta impulsa a candidatura das Illas Atlánticas

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou a importancia de que os máis novos coñezan a riqueza cultural e medio ambiental que os rodea

Campamento nas Illas Ons. JAVIER CERVERA
photo_camera Campamento nas Illas Ons. JAVIER CERVERA

A Xunta de Galicia impulsa a candidatura do Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da UNESCO entre os máis novos cunha visita á illa de Ons, onde uns 60 rapaces de toda Galicia participan na actividade de dinamización lingüística O Galego Campa! organizado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou este venres ao grupo de escolares que participan nesta sétima edición de campamentos de verán que inclúe un total de quince campamentos -coma este de Ons- que sumarán uns 1.500 rapaces participantes. Na visita o conselleiro estivo acompañado do secretario xeral de Política Lingüística,Valentín García, e da directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez.

Román Rodríguez destacou que a través deste campamento, os rapaces teñen a oportunidade de coñecer e gozar dun paraíso natural como é a illa de Ons, -que xunto con Cíes, Sálvora e Cortegada, forma parte do conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ao tempo que  tomar conciencia da súa riqueza e aprender a protexela para as xeracións futuras.

Cómpre lembrar que o pasado febreiro a candidatura Parque Nacional Illas Atlánticas foi incluída na lista indicativa da UNESCO como paso preceptivo para que sexa declarada Patrimonio Mundial. A este respecto o conselleiro lembrou o traballo “serio e rigoroso” levado a cabo pola Xunta de Galicia en colaboración con outras administracións para lograr este recoñecemento.

O GALEGO CAMPA! Román Rodríguez tamén salientou a importancia destes campamentos de verán como vehículos para o fomento do emprego da lingua galega entre os máis novos e a mellora da expresión en galego. Esta actividade está deseñada de tal xeito que os rapaces compaxinan iniciativas de carácter lúdico e formativo, facendo fincapé no ámbito da lingua, das habilidades sociais a través de ferramentas como a argumentación e o debate, do coñecemento da natureza e da importancia da preservación do medio ambiente, entre outros.

Nesta sétima edición, ademais do da Illa de Ons, hai que sumar os campamentos no Albergue Xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa), de Pontemaril (Forcarei), de Espiñeira (Boiro), do Albergue Xuvenil Mariña Española (Sada), do Albergue Benigno Quiroga (Portomarín), de A Devesa (Ribadeo), de Gandarío (Bergondo), de Furelos (Melide), de Os Chacotes (Palas de Rei), dos Penedos de Xacinto (Entrimo), da estación de Montaña de Manzaneda, do complexo O Corgo (Muíños) e do albergue A Vilavella (A Mezquita).

CONCILIACIÓN ESTIVAL. Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, sinalou que a Campaña de Verán constitúe un “recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel, un referente en todo o Estado, ademais dunha excelente plataforma para promover o uso da nosa lingua entre os mozos e mozas galegos”. Nesta liña, Vázquez lembrou que o Goberno galego ofertou para o actual período estival un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición, cun custo de 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017-.

Así mesmo, e con respecto ao campamento Bing Bang Illa, a directora xeral explicaba que 60 rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos participan desde o pasado día 21 na terceira quenda desta actividade que oferta entre a mocidade un amplo abano de actividades ao ar libre: bicicleta, tiro con arco, astronomía, sendeirismo guiado, orientación con gps e xeocaptura, kaiak, snorkel, aula de natureza, diverciencia, actividades de praia e videoclip. Unha programación á que este venres se sumou “O galego campa!”.
 

Comentarios