O Concello da Coruña paralizará as obras da Marina por falta de licenza

Defende que nin a Autoridade Portuaria nin a empresa adxudicataria mostraron o permiso

O Concello da Coruña anunciou este venres que non asumirá a posta a disposición da segunda fase das obras da Marina xa terminadas porque non teñen licenza, aínda que a Autoridade Portuaria afirma que é un convenio o que permite os traballos.


O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, asegurou que o Consistorio "non está en condicións de asumir" a entrega desta obra ata que "conste a licenza ou autorización municipal correspondente".

"A día de hoxe non consta nin outorgada nin solicitada nin pola Autoridade Portuaria nin pola empresa adxudicataria", apunta o Concello nun comunicado, no que di que asinar a acta de recepción "sería unha ilegalidade ademais dunha grave irresponsabilidade".

Varela asegura que se solicitou o pasado 10 de agosto a autorización pero que o Porto non respondeu aínda e, polo tanto, de momento o Consistorio non asumirá a nova zona terminada que deixa o polémico proxecto promovido polo Goberno anterior do Partido Popular case finalizado.

Segundo o concelleiro "nin os convenios nin as adendas asinadas entre o Concello e a Autoridade Portuaria son títulos legais que amparen as obras" porque é un proxecto ordinario que "está suxeito a licenza municipal", sinala.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) recordou que xa advertira de que a obra da Marina estaba a executarse "sen licenza urbanística". 

Comentarios