55 Músicos de 18 países optan ao XXV concurso de piano 'Cidade de Ferrol'

Cincuenta e cinco mozos músicos de 18 nacionalidades disputaranse a partir do próximo sábado a XXV edición do prestixioso certame internacional de piano Cidade de Ferrol, que a logrado unha nova marca no número de participantes.

Desde a Concellaría de Cultura de Ferrol, que organiza o concurso, informouse hoxe de que o país que máis concursantes achega ao certame é Rusia, con once pianistas, seguido de Xapón (6), China e Francia (4), Taiwan (3), ademais de dous músicos de Malaisia, e outros tantos procedentes de Corea, Romanía, Inglaterra, Irán, Italia, Turquía, Hungría, Alemaña, Lituania, Israel, ademais de tres españois, un deles unha intérprete galega.

Todos os concursantes son novos pianistas noveis e o gañador embolsarase un primeiro premio de 12.000 euros e a oportunidade de ofrecer sete concertos coa Orquestra Sinfónica de Galicia nos próximos meses.

O segundo e o terceiro clasificado recibirán 6.000 e 2.500 euros, respectivamente, ademais do diploma que os acredita como finalistas dun certame moi prestixioso que este ano alcanza as súas vodas de prata.

O xurado tamén premiará con 2.000 euros aos mellores intérpretes de orixe española e galego que tomen parte no certame coa distinción Gregorio Baudot.

O edil de Cultura, Manuel Reyes, foi o encargado de presentar hoxe a última edición do certame que arrinca o sábado 19 ás 20:30 horas no teatro Jofre cun concerto inaugural a cargo do mestre Jorge Luis Prats.

O concelleiro ferrolán manifestou que o certame de piano é "a actividade cultural máis importante da cidade pola súa repercusión internacional e a calidade dos concertistas", e sinalou que se retransmitirá en directo por internet a través da web do concello.

Narciso Pillo, director da banda de música da cidade, e Natalia Lambas, exercen como director e presidenta do xurado do certame desta vixésimo quinta edición xunto a Jean Paul Sevilla (Francia), Ilan Rogoff (Israel), Leonel Morais (Cuba), Julio García Casas (España) e o propio concelleiro ferrolán, en calidade de secretario.

As eliminatorias celebraranse ao longo da semana próxima no Jofre, en sesións de mañá e tarde, e serán de portas abertas ao público.

A final disputarase o vindeiro sábado, día 26, e os tres finalistas terán que escoller pezas de Mozart, Beethoven, Schumann, Chopin, Liszt, Tchaikovsky, Rachmaninov ou Prokofiev, que interpretarán acompañados pola Orquestra Filarmónica de Pontevedra.

Comentarios