"Que se asociase o nome de Marta del Castillo á violencia de xénero era importante"

Paula Cons é a directora da docuserie '¿Dónde está Marta?', unha obra na que se fai un repaso polo caso de Marta del Castillo recopilando datos e entrevistando a familiares e protagonistas da historia ► A directora narra cales son as intencións do filme e como se levou a cabo 
Cines cinexpo. Paula Cons, directora de La isla de los secretos participa na proxección do filme.
photo_camera Paula Cons. ARCHIVO

¿Dónde está Marta? (Cuarzo, Netflix, 2021) é unha docuserie que conseguiu unha orde xudicial para reabrir a investigación dos móviles dos implicados no caso do asasinato de Marta del Castillo (en Sevilla no ano 2009). E puxo a Francisco Javier Delgado, o irmán de Miguel Carcaño (único condenado), fronte as súas contradicións.

Durante un mes, este traballo dirixido por Paula Cons (A Coruña, 1976) mantívose no Top 10 das series máis vistas da plataforma Netflix en España. Cons, cineasta e realizadora, familiar e sentimentalmente moi vinculada a Pontevedra ("tanto pola miña parella como pola miña familia: os Cons somos de Lérez e os Varela tiveron unha ferretería moi coñecida no centro"), investigou en profundidade esta historia que conmocionou á sociedade española.

É un caso que parece non ter fin.

Por iso nós chegamos ata un punto e paramos. Non queriamos caer na obsesión por narralo todo, pola anécdota, polo detalle. Máis ben o que nos apetecía era reflexionar e neste caso hai moitas cousas para facelo.

Non foi abrumadora a cantidade de información que tivo que enfrontar?

Moito. Imaxina o que foi para alguén coma min, extremadamente perfeccionista, como boa sufridora da síndrome da impostora. Eu quería controlalo todo, sabelo todo e iso é imposible. Ese torrente de información o que te leva é a non mimar cousas que prefería ter mimado. O que pasa é que estaba moi respaldada por un equipo de xornalistas súper potentes que tiña á fronte, por certo, a un vigués, Ricardo Pardo, que era o xefe de investigación. Descansei moito neles.

"Que se asociase o nome de Marta del Castillo coa violencia de xénero era importante para nós, aínda que a alguén case se lle saisen os ollos das concas"

Outro xornalista gran coñecedor deste caso e que aparece na docuserie é Nacho Abad, que ademais é produtor executivo dela.

El foi a peza de acceso á familia. Hai varias cousas que impactan moito á hora de ver este traballo 

Por exemplo, a entrevista a Francisco Javier Delgado, un tipo que xoga un papel escuro na historia.

E non houbo ningún problema para entrevistalo. Non foi nada complicado convencelo. A produtora executiva e máis eu tiñamos moi claro que iriamos de fronte sempre, así que el sabía perfectamente que viña a unha entrevista complicada. E non puxo ningunha condición nin vetou ningunha pregunta. Queriamos que todo o mundo tivera voz. Pero ti podes facer entrevistas críticas ou amables e aquí tiñamos moi claro que, se el dicía algo que non cadraba cos nosos datos, iamos repreguntar.

Logo están os audios das chamadas dos implicados.

Os audios son moi enriquecedores. Axudaban ao que buscabamos: poñer a pelota no tellado do espectador, que escoitase directamente esas chamadas e que chegase ás súas propias conclusións.

Empeza a docuserie coa nai de Marta del Castillo, Eva Casanueva, que sempre tivo menos protagonismo que o seu home, Antonio del Castillo. Foi algo intencionado?

Si, queriamos reivindicala. Pareceunos unha muller intelixentísima, moi serena. É ademais unha persoa que foi evolucionando e que é crítica consigo mesma. É alguén que foi quen de cambiar de opinión, que a min é algo que sempre me emociona dunha persoa. Apetecíanos sacala un pouco á luz, tendo sempre claro o papel importantísimo de Antonio en toda a historia. Só un detalle sobre Eva: foi unha persoa que se preocupou de apuntalo todo, de que quedase todo por escrito. Para nós esa nai que se mata en apuntalo todo para que nada se esqueza era do máis elocuente.

"Estou preparando unha película para a televisión sobre a historia de paixón entre Pardo Bazán e Pérez Galdós, que me ten entusiasmada"

O traballo propón diferentes reflexións sobre temas moi importantes. Un deles é o cadea perpetua. Hoxe existe en España a prisión permanente revisable e o caso de Marta del Castillo está moi relacionado co debate social que se xerou arredor desta pena.

Non queriamos obvialo. Pero tiñamos moi claro que na montaxe esa parte tiña que ir unida á actuación dos políticos. Esa cousa de aproveitar un feito concreto para promover segundo que ideas pareceunos un feito a sinalar. Igual que queriamos sinalar como o 24 de xaneiro, cando Marta desaparece, nin un só policía investiga que está pasando, ata 17 horas despois que se fan as primeiras pesquisas, pero catro meses despois, cando se quere debatir un tema relacionado co caso, se chega ata o Congreso. Hai un contraste brutal entre o que se consegue nun momento e o que se consegue noutro segundo en que lugar esteas. Nós cremos moito no contexto. Non queriamos falar dun crime, senón da fotografía como país que nos devolve un crime.

Outro asunto sobre o que se pon o foco é o da presión social e mediática sobre as investigacións policiais e xudiciais. Un dos audios que inclúe é o dunha policía queixándose de que non se está podendo facer ben o traballo.

Pelexei moitísimo por incluír ese audio. Os policías de a pé deixáronse a vida neste caso. No hai que quedar neles senón subir un pouco máis arriba. E, despois, sobre este asunto da presión: cantas veces ten pasado! Eu creo que tanto na ficción como nos ‘true crime’ estamos fartos de ver repetido o mesmo erro, unha e outra vez: a présa. Ese apuro por dar coa solución, co culpable, con que alguén pague... E despois xa intentaremos encaixar as pezas. Por suposto só encaixan forzando e así non vas conseguir a verdade.

É o segundo caso deste tipo no que traballa. Xa fixera un documental sobre Diana Quer. Aquel fora totalmente de encargo.

A verdade é que me fun atopando por casualidade con estes temas porque non me atraen a priori nada nin os sucesos nin os ‘true crime’, pero cadrou así. Eu o que intento é achegarme a estes casos sen caer nalgúns vicios nos que se adoita a caer e tratando de aplicar unha perspectiva de xénero. Iso sobre todo.

Foi difícil para vostede enfrontar un traballo coma este ou consegue illarse dos detalles da historia á hora de traballar?

Foi durísimo. Aínda me estou recuperando, como quen di.

Cal diría que é o gran valor deste traballo sobre Marta del Castillo?

Voume referir ao traballo do equipo. Penso que hai cousas que tratamos de conseguir que a xente percibiu: a falta de sensacionalismo, a elegancia no relato, a perspectiva de xénero... Volvo insistir nisto porque foi moi importante para nós. Queriamos poñer enriba da mesa esta cuestión, que se asociase o nome de Marta del Castillo á violencia de xénero, aínda que houbese xente á que case se lle saíron os ollos das concas con isto. Por suposto foi moi importante a investigación, que nos acabou sorprendendo a nós mesmos. E tamén destacaría algo presente dende o inicio, tratar esta historia con dignidade.

E agora que está facendo, ficción ou non ficción?

Cun pé en cada lado. Pero o máis importante, unha cousa preciosísima que estou preparando, é unha película para a televisión sobre a historia de amor e paixón que houbo entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós. Tenme entusiasmada. Por outro lado, o éxito da docuserie de Marta trouxo moitas ofertas, así que estou recolocándome un pouco.

Comentarios