Admetla, Moreno, Lobo e Coira serán os asesores do Novo Cinemas LAB

O prazo para presentar propostas a esta sección do festival remata este martes
photo_camera Isona Admetla, Sergi Moreno, Silvia Lobo e Pepe Coira.

O festival Novos Cinemas de Pontevedra segue adiante coa súa quinta edición, a celebrar en decembro, e vai desvelando parte dos seus contidos. Así, onte deu a coñecer quen se ocuparía este ano da asesoría do Novos Cinemas LAB, "o espazo a través do que se promove o desenvolvemento de proxectos cinematográficos internacionais mediante o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria e sensibilidade cara a propostas de natureza independente". Desta vez serán a coordinadora do fondo para a cinematografía Berlinale-World Cinema Fund, Isona Admetla; o produtor executivo en Lastor Media, Sergi Moreno; a responsable de distribución de Elamedia Estudios, Silvia Lobo; e o guionista, director de desenvolvemento e produtor executivo para diversas compañías Pepe Coira.

O prazo para inscribir proxectos nesta edición do LAB do festival internacional de cine de Pontevedra remata este martes. Pódese obter máis información na súa páxina web: www.novoscinemas.com.

O pasado mes de xuño, a organización de Novos Cinemas facía público que estaba a traballar na edición deste ano, que se desenvolvería tendo en conta as restricións sanitarias que rexesen no seu momento. Anunciaba a maiores que as datas de celebración serían do 15 ao 20 de decembro e que o prazo de recepción de obras tería lugar ata o 10 de setembro. O certame está aberto a longametraxes (a partir de 60 minutos) que supoñan a primeira ou segunda obra dos seus realizadores. Deben ser producidas, ou cuxa estrea mundial tivese lugar, despois do 1 de xaneiro de 2020, sempre que non fosen estreadas comercialmente en España, nin exhibidas en circuitos de televisión públicos ou privados no momento da súa inscrición a concurso.

A vindeira edición de Novos Cinemas será a primeira que non conte na súa dirección co cineasta Ángel Santos, que anunciou no mes de maio que se apartaba do evento para centrarse nos seus proxectos persoais. Á fronte do festival quedan Suso Novás (UVigo) e Daniel Froiz (Matriuska).

Comentarios