Ana Kiro recibe unha homenaxe da comunidade de emigrantes de Cataluña

A Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Fegalcat) homenaxeou esta mañá en Vedra á cantante galega Ana Kiro, en recoñecemento á traxectoria profesional dunha artista que soubo conectar a través da súa música cos galegos espallados polo mundo. Ana Kiro, visiblemente emocionada, recibiu o cariño da comunidade de galegos asentada en Cataluña, a terra na que comezou a súa carreira artística.

O acto estivo conducido polo xornalista Xosé Luís Blanco Campaña e contou coa presenza da cantante galega Sabela, do alcalde de Vedra, Odón Cobas e do presidente da Fegalcat, Luís Lamas, entre outras personalidades.
 
"Queremos homenaxear a emigrante que fuches",  díxolle Xosé Luís Blanco Campaña a Ana Kiro, ante un público composto maioritariamente por galegos que viven en Cataluña. "Tiñas nove meses cando teus pais che trasladaron da Castañeda (Arzúa) a Pineda de Mar (Barcelona), daquela non imaxinaban que María Dolores Casanova González ía converterse en Ana Kiro, unha artista galega  internacional".
 
Blanco Campaña repasou a traxectoria profesional da cantante, que gravou o seu primeiro disco en 1966 coa casa discográfica Belter, de Barcelona. O seu primeiro traballo en galego chegaría en 1974, e con el, o seu grande éxito 'Galicia terra meiga', que cambiou para sempre a vida da artista. "Xa nunca máis deixou de cantar en galego, e dende entón quedou convertida na cantante da emigración", sinalou Xosé Luís Blanco Campaña.  A partir de entón, foron varios os traballos que Ana Kiro  dedicou aos galegos lonxe da terra, entre eles, 'Unha emigrante máis'.

Agradecementos da artista
Tras a presentación de Blanco Campaña, Ana Kiro tomou a palabra e agradeceulles aos centros galegos de Barcelona a homenaxe. A artista lembrou a súa mocidade na capital catalá como unha época "moi feliz", na que se sentiu recoñecida polo público. "Non só os emigrantes galegos, tamén os cataláns escoitaban as miñas cancións en galego con moito
respecto e aplaudían as miñas actuacións".

Ana Kiro, que nestes momentos atravesa un delicado estado de saúde, recibiu os ánimos dos presentes, e asegurou "que está poñendo todas as súas forzas para sandar". A carón dela, acompañábana o seu home, Carlos Rivero, e a cantante Sabela, quen recoñeceu a contribución da súa amiga á súa propia carreira. "Cando eu empecei a cantar, non tiña repertorio, a miña primeira actuación foi con cancións de Ana Kiro", dixo Sabela.

O acto rematou coa entrega de varios agasallos a Ana Kiro por parte da colectividade galega de Cataluña, entre eles, unha escultura da Sagrada Familia, e tamén a medalla especial da Fegalcat. Posteriormente, celebrouse no campo da festa de Vedra unha sesión vermú, na que Sabela interpretou varios temas populares galegos, ante a presenza de Ana Kiro e unhas duascentas persoas máis.

Comentarios