Animación 'stop-motion' galega, amasando arte

Largas horas de trabajo foto a foto en Artefacto
photo_camera Largas horas de trabajo foto a foto en Artefacto

En pleno apoxeo da animación 3D, hai quen reivindica as orixes da animación artesanal con obxectos reais foto a foto.  Malia que o cerne da animación stop-motion española se localiza en Valencia, en Galicia agroman proxectos dende o autodidactismo e as ganas de facer algo diferente.

Diferente, pero non novidoso, xa que a técnica se remonta aos comezos do cinema. Talvez por iso se ve “desprestixiado” nos últimos anos fronte a técnicas máis novidosas xurdidas da evolución da informática. Así o cre Xosé Zapata, de IB Cinema.

Ante isto, a produtora de animación de Continental, Chelo Loureiro, defende a “liña de autor, artesanal”, que “confire un acabado especial á obra”, e asegura que o 3D produce “certo rexeitamento por imitar a realidade a tal nivel de perfección que resta humanidade”.

O atractivo desta técnica leva a que algúns creadores decidan dar o salto de pequenas curtametraxes, proxectos educativos e spots publicitarios á primeira longa de animación stop-motion do país.

(Vídeo: David Cabezón)

Ensaio e erro
Para os seus proxectos, Zapata conta con “colegas que traballan en Aardman” e que aceptan axudar nas vacacións, xa que considera que “en Galicia non existe o nivel técnico suficiente”. “Apréndese choiando, e aquí non hai proxectos”, afirma o produtor.

Artefacto e Algarabía, malia que se levan uns 10 anos de experiencia, repetiron patróns formativos: “o ensaio e o erro”, practicados nas curtas. “Seguramente aforrariamos moito cunha escola de animación”, confesa Virginia Curiá, de Algarabía. Pola súa banda, Zapata lembra que os grandes estudos se localizan no Reino Unido “onde non hai escola”.

As producións de stop-motion feitas ata o de agora en Galicia son pequenos proxectos con escaso orzamento que serven como campo de probas, algunha das cales chegan a destacar, como Minotauromaquia, que funcionou a nivel internacional “polo uso de claves universais”.

O percorrido das curtas limítase aos festivais, xa que poucas son as canles –e ningunha a grande pantalla– que se deciden a meter estas pequenas pezas na súa grella. “As distribuidoras amosaron unha concienciación coas curtas na polémica dos Goya, pero ata o de agora nas teles as curtas só se venden a 30 euros por minuto”, afirma Loureiro.

A produtora de Continental recoñece que de partida saben que os cartos investidos nunha curta “non van ter retorno económico”, pero tampouco caen en saco roto, xa que serven para promocionar “a técnica e os novos directores”.

Ambicións
Pechando un pouco os ollos á realidade que demostra que cada día de rodaxe só se conseguen uns 10 segundos de película, os creadores de animación stop-motion soñan con ver as súas longas nas salas de cine.

Conde e Curiá xa levan un par de anos dándolle voltas a un proxecto de longa que xa ten nome, O sacauntos, pero que fica en stand-by. “Unha longa, por pouco ambiciosa que sexa, xa é moi ambiciosa”, afirman dende Algarabía, que xa viu abortado o seu Pica Pica Circus, propiedade da produtora Lúa Films, por problemas de orzamento.

Tamén Continental anda dándolle voltas a un anteproxecto de longa, segundo asegurou Loureiro. Pero os primeiros en lanzárense á piscina serán, segundo o previsto, IB Cinema e Artefacto, con orzamentos que rondan o millón de euros.

O director valencián Sam dirixirá Ramón, unha longa paródica das películas de terror que comeza xa coa rodaxe da curta Werepig e que rematará a finais de 2009. Para ese mesmo ano, Artefacto prevé o inicio da rodaxe d’O Apóstolo, na que traballarán entre 12 e 15 meses, despois da serie Sombras na noite, xa iniciada coa curta Leo.

“En España aínda ninguén se atreveu cunha película de animación stop-motion con todos os medios”, afirma Fernando Cortizo, de Artefacto, quen recoñece que esta técnica loita coa “necesidade de moita xente, o que non a fai rendible; e máis nas pantallas, onde priman os números”. Polo de agora, a arte queda relegada aos festivais, e nalgunhas ocasións desemboca na vía principal, “onde están os recursos”.

Pequenos experimentos
Malia que ata agora só se acometeron pequenos experimentos de moi baixo orzamento, existe unha “boa canteira” nos pequenos estudos de animación que xorden en Galicia. É o caso de Algarabía, a produtora de Tomás Conde e Virginia Curiá, que comezaron con esta aventura no ano 1994, cunha curta realizada para a Escola de Arte e Son da Coruña e na que se chegaron a fixar os de Aardman –creadores de Wallace y Gromit–, Alegría de puerta tierra.

Tras este primeiro escarceo veu a publicidade, pero pronto as compañías esgrimiron que a plastilina se asociaba aos supermercados, segundo lembra entre divertida e amolada Curiá. No seu curriculum atópase tamén a cabeceira do Guiñol de Canal+.

Agora, preparan dous traballos con Continental. O primeiro, unha serie educativa de prevención de accidentes domésticos para nenos, titulada E por que? Tamén veñen de comezar a segunda curta que emprega esta técnica da produtora coruñesa, tras A flor máis grande do mundo, de Juan Pablo Etcheberry, baseada nun conto de Saramago e nomeada ao Goya. Trátase dunha adaptación do clásico O soldadiño de chumbo, cun toque galego.

Plastilina para maiores
En 2007 comezou a súa andaina a produtora Artefacto, especializada en animación con plastilina. Os seus fundadores, Fernando Cortizo e Isabel Rey, xa realizaran con anterioridade algunhas curtas nesta técnica, como A promesa ou O ladrón de bonecas. A súa liña vai por outro camiño, máis orientado a un público adulto e con La novia cadáver como modelo. “As nosas armas son os guións cuidados, os actores e os ambientes rechamantes”, explica Cortizo.

Agora son sete traballando no estudo, a maior parte procedente das Belas Artes, que se foron formando coa práctica.  Os de Artefacto caeron nas redes da plastilina porque “o realismo e a expresividade que consegue é moito maior”.  Ao tempo, procuran destacar a historia cunha técnica “menos vista”.

Os seus bonecos xa conquistaron actores como Xosé M. Olveira ‘Pico’, Luís Tosar ou Carlos Blanco. Para as vindeiras producións esperan contar coa voz e a xestualidade de actores con gancho como Héctor Alterio, Gabino Diego ou a Sardá.

Tamén para adultos, pero algo máis gamberro, é o que se traen entre mans os de IB Cinema. Tras apadriñar Minotauromaquia, de Etcheberry, premiada en máis de 50 ocasións en festivais de todo o mundo, a produtora lánzase de novo á stop-motion, da man do animador valencián Sam con O ataque dos kriters asasinos e a curta Werepig, duns 20 minutos de duración e que se terminará en abril.

Comentarios