Aprazada a entrega dos Premios Mestre Mateo

A gala, prevista nun principio para o 1 de febreiro, celebrarase finalmente o 10 de abril pola pandemia
A actriz Maria Vázquez, recollendo o premio a Mellor Actriz na gala dos XVIII Mestre Mateo celebrada a principios de marzo de 2020. CABALAR (EFE)
photo_camera A actriz Maria Vázquez, recollendo o premio a Mellor Actriz na gala dos XVIII Mestre Mateo celebrada a principios de marzo de 2020. CABALAR (EFE)

A Academia Galega do Audiovisual aprazou a celebración da XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que estaba prevista para o 1 de febreiro, ata o 10 de abril polas novas restricións decretadas pola Xunta para frear os contaxios de coronavirus.

Nun comunicado emitido este martes, a Academia explica que tomaron a decisión de atrasar a gala polas medidas que entran en vigor esta medianoite e que obrigan a suspender as actividades culturais, entre outras.

Se a situación sanitaria permíteo, o mércores 10 de marzo terá lugar a rolda de prensa de presentación no Teatro Colón da Coruña, na que se anunciarán as candidaturas finalistas.

Na mesma localización celebrarase a entrega de Premios o sábado 10 de abril e, como estaba previsto, será unha cerimonia dirixida polo director teatral e actor Tito Asorey, presentada pola actriz e humorista Lucía Veiga e estará retransmitida pola Televisión de Galicia.

"Consideramos que é a decisión máis responsable que podemos tomar nun momento de crise sanitaria como o que estamos a vivir", detallou a Academia Galega do Audiovisual.

Comentarios