Arturo Delgado: "O meu é o vello e bo rock and roll"

Arturo Delgado, ou Querido Extraño, é unha referencia indispensable da escena musical local dende hai anos que está a punto de publicar o seu primeiro LP

Arturo Delgado, co seu single na man. JAVIER CERVERA
photo_camera Arturo Delgado, co seu single na man. JAVIER CERVERA

Vostede adicouse sempre á música ou foi algo ao que chegou cos anos?

Empecei un pouco tarde dende o meu punto de vista: aos 20 anos. Comecei tocando o baixo nun par de bandas, ata que me fixen cunha guitarra acústica e comecei a arriscar compoñendo.

O que máis lle gusta é o rock estadounidense...

E británico tamén. Basicamente, o meu é o vello e bo rock and roll, o que facían os grupos dos 50, os 60 e os 70. Tamén me interesan algunhas cousas que se fixeron en España dende finais dos 50 e que tiveron moito mérito.

E que xa non se fan? Non lle gusta o que se fai actualmente?

Agora está todo tan masificado que custa estar ao tanto do que sucede. Persoalmente gústame saber o que pasa, ver como evoluciona o rock and roll, pero do que nunca me despego é dos meus gustos de sempre. Tamén me gusta o jazz, o folk, o blues...

Antes de poñer en marcha ese proxecto tan persoal que é Querido Extraño formou parte de varias bandas.

Si, empecei a mediados dos 90 tocando nun par de bandas de Pontevedra: Los Invasores e Gloomy House, que chegou a ter certa repercusión. Servíronme fundamentalmente para iniciarme nos concertos, nos directos, que sempre foron o meu obxectivo nisto da música. E ségueno sendo a día de hoxe. Eu quería e quero tocar en directo. Probablemente haxa quen aspira a cousas máis ambiciosas: vender moito, vivir disto... Eu non.

Tocar en directo é un obxectivo por enriba de gravar?

Son cousas diferentes. Si que é verdade que gravar é importante porque está ben deixar un pequeno legado, recoller o que fas, que quede algo aí, aínda que só sexan maquetas a título persoal. No meu caso, o que busco á hora de gravar, máis que calidade sonora, é que a gravación teña encanto. Para iso non fan falla grandes medios, polo menos no meu estilo. O fundamental é capturar o momento e botarlle imaxinación a falta de medios técnicos e económicos.

Que pasou despois de Gloomy House?

Nesas primeiras bandas tocaba o baixo e facía coros, como che dicía. Xa nos 2000 comecei a traballar con Los Villanos de Boraville, grupo de garaxe, meténdome un pouco máis no que me gustaba de verdade, da man dos meus amigos Indy Tumbita e Guly Leiva. Vivimos moitas cousas xuntos e a día de hoxe aínda colaboramos e mantemos o contacto. Dende aquí xa empecei con cancións propias e proxectos máis persoais. Primeiro foi Doble Morgan, power pop en castelán con incluencias de Elvis Costello, Paul Collins, Nacha Pop ou Los Flechazos.

E despois, Querido Extraño.

Exacto. Este é un proxecto que naceu comigo só fronte ao micro, en acústico, tocando guitarra, harmónica e pandeireta no pé, versionando as cancións que máis me gustaban. Enfoqueino dende un punto de vista tranquilo, pantanoso, enraizándoo tamén coa tradición galega. Collía cousas do gótico americano e trasladábao aquí. Neste senso a influencia de autores como Ánxel Fole ou Álvaro Cunqueiro foi básica.

Por que o bautizou así?

O nome é unha homenaxe a dúas das miñas bandas favoritas. Unha é Burning, que ten un tema titulado ‘Extraño en la ciudad’. É unha banda que a día de hoxe se podería considerar politicamente incorrecta, pero que se a contextualizamos na súa época fixo cousas moi interesantes. Segue a ser unha influencia importante para min. A outra é a banda australiana Beasts of Bourbon, que teñen unha canción cun verso no que din «dear stranger...». Basicamente, Querido Extraño ten influencias dos 50, dos 60, dos 70 e do comezo dos 80. Incluso hai cousas da movida que me parecen interesantes: Parálisis Permanente, Los Ilegales, Tequila... Todo o que queña un pé no rock and roll. Agora mesmo estou a punto de publicar o primeiro LP. Xa saíu o single, ‘El costalero cruel’, co selo de Almería Clifford Records, e nuns meses agardo que se publique o álbum completo.

En vinilo, que ao final non é un soporte sen futuro.

Sempre estivo aí. E aí segue.

Querido Extraño é o seu proxecto persoal, pero compatibilízao con outras bandas como Flip Corale ou Rusty James & Fringe, coas que acaba de participar no programa Cabos Soltos.

Así é. Este último é un proxecto de versións que teño con Cora Velasco, unha proposta sen pretensións coa que nos divertimos moito dándonlle outro aire aos temas que máis nos gustan.

Que lle parece o momento que vive a escena musical de Pontevedra?

Pois creo que se están a facer cousas moi interesantes. Vivimos agora mesmo unha etapa como nunca anteriormente, cun montón de bandas traballando e moitas, moi interesantes. A posibilidade de facer música é máis sinxelo que nunca e o acceso á cultura en xeral é fácil. Por outra banda, os locais contan cun pouquiño máis de apoio institucional e iso é importante. Iniciativas como Cabos Soltos son un exemplo. Como tamén o é o que se fai no Liceo Mutante. Ou o empeño de Marcos Rivas por facer cousas día a día e ter sacado adiante proxectos como o festival Surfing the Lérez, un éxito incontestable.

Que diría que significa a música para vostede?

Para min significa evasión, un mundo perfecto no que me refuxio. Para outra xente a evasión está nos deportes, nas viaxes, nas drogas... Para min está na música. Éo todo para min.

Comentarios