Tres autoras formadas en Pontevedra axudan a cambiar o cómic galego

Territorio masculino ata o momento, as mulleres autoras comezan a despuntar no mundo do cómic en Galicia. É o caso de Anémona del Río, Zaida Novoa e Bea Gregores

Aldara Álvarez, Zaida Novoa e Bea Gregores (de esquerda a dereita) no Garaxe Hermético. RAFA FARIÑA - Cómic
photo_camera Aldara Álvarez, Zaida Novoa e Bea Gregores (de esquerda a dereita) no Garaxe Hermético. RAFA FARIÑA

O primeiro manga galego, Tam, está escrito por unha muller. O primeiro e o segundo premios do último certame Xuventude Crea, que convoca a Xunta de Galicia, na categoría de banda deseñada, foron para dúas mulleres. Unha nova xeración de autoras galegas piden paso no mundo do cómic. A maioría estanse a formar aínda e teñen a escola O Garaxe Hermético, de Kiko da Silva, ou a facultade de Belas Artes como referencias.

"Simplemente era cuestión de tempo que aparecesen mulleres facendo cómic aquí", di Anémona del Río (Aldara Álvarez en realidade), viguesa de 22 anos, autora de Tam, o primeiro manga que se publica en Galicia e en galego. A moza, que dubidaba sobre que facer ao rematar no instituto, acabou, da man da súa nai, no Garaxe Hermético. Foi premio de fin de curso da escola o ano pasado.

Da súa mesma idade, tamén de Vigo, é Bea Gregores, estudante de Belas Artes que se fixo co primeiro premio do Xuventude Crea polo traballo Ellipsism. En segundo lugar quedou, con Noite meiga, Zaida Novoa, 25 anos, de Pontevedra. No seu caso pasou tanto pola facultade de Belas Artes como polo Garaxe Hermético.

Aldara Álvarez debuxa dende que era pequena. "Pero nada serio ata que miña nai me apuntou á escola". O interese polo manga levouna a traballar nese estilo e así foi que naceu Tam, que está a piques de chegar ás librerías. "Non teño moi claro que sexa un traballo de manga cen por cen. O debuxo si, seguro, pero a narración ten máis que ver cunha tira cómica. Son como capítulos curtos, protagonizados por unha moza que intenta arranxar a súa vida antes dunha reunión de ex-compañeiros. É un traballo moi marcado polo humor".

Cómic Aldara Álvarez (Anémona de Río)

Bea Gregores, que recoñece entre os seus referentes a outra autora nova, a castellonense Núria Tamarit, entrou en contacto directo co cómic cando comezou a estudar Belas Artes. "Hay un gran movimiento de fanzines y cómic underground en la facultad", explica. "Me empecé a relacionar con un grupo de compañeros que estaban interesados en este tema, me fueron introduciendo en el mundillo, me gustó y me quedé". A autora conta que, agora mesmo, se atopa nun momento de experimentación. "El cómic que premiaron en Xuventude Crea es introspectivo. Habla del tránsito entre la adolescencia y la madurez. Ese momento que tanto asusta en el que tienes que enfrentarte a la cruda realidad". En canto ao seu estilo, di estar nun proceso de experimentación. "Estoy investigando, buscando mi propio estilo, jugando con diferentes cosas".

Cómic Bea Gregores

Aí di estar tamén Zaida Novoa, que, pola contra, comenta que cando ela pasou por Belas Artes non había moito interese pola banda deseñada. "Outra cousa foi cando fun facer un máster de debuxo á Universidade de Granada, aí si que había moito movemento. E, sobre todo, para min foi clave vir ao Garaxe Hermético". Pero, en realidade, ela enganchouse ao cómic sendo nena. "Miña nai ten bastante culpa diso. Lembro que dende os tres anos me lía tiras cómicas de xornais que tiña gardadas". Despois viñeron Calvin & Hobbes e o interese polo manga, por exemplo. "Agora mesmo eu diría que o meu traballo tira cara o público infantil e xuvenil. Un referente para min podería ser a liña francesa, pero tamén me interesa moito a animación. Mesturo diferentes referencias". No caso de Noite meiga di que xogou co folclore galego e co humor. "Sempre o humor".

Cómic Zaida Novoa

CAMBIO. As tres rapazas recoñecen que, ata o momento, o cómic galego, "o cómic en xeral", era un ámbito moi masculinizado. "Como moitos outros". Pero as cousas están cambiando. "Eu penso que antes había autoras tamén, pero a diferenza é que non acadaban visibilidade", di Aldara Álvarez.

"En los últimos años, en general, ha habido un cambio muy fuerte tanto en la consideración social y cultural del cómic como en la presencia de la mujer en distintos ámbitos, incluido este", coincide Bea Gregores. E remata Zaida Novoa: "As cousas teñen que ir cambiando pouco a pouco. A tecnoloxía e as redes sociais axudáronnos moito. Pero aínda queda".

Comentarios