Banda sonora para un confinamento

Seis músicos vinculados a Pontevedra (Marcelo Dobode, Cora Velasco, Gonzalo Maceira, Piter, Ralph & Tery, Paco Charlín e Bonnie Cooper) recomendan cancións para estes días
Marcelo Dobode, Cora Velasco, Furious Monkey House, Debuxos Reanimados, Paco Charlín e Bonnie Cooper. DP
photo_camera Marcelo Dobode, Cora Velasco, Furious Monkey House, Piter, Ralph & Tery, Paco Charlín e Bonnie Cooper. DP

O Resistiré, do Dúo Dinámico, sería o tema principal da banda sonora do confinamento cidadán por mor da alerta sanitaria causada polo coronavirus. Pero este periodo de reclusión na casa pode servir tamén para descubrir novos intérpretes e outros sons. É o que suxiren seis músicos vinculados á cidade –Marcelo Dobode, Cora Velasco, Gonzalo Maceira, Piter, Ralph & Tery, Paco Charlín e Bonnie Cooper–, que propoñen escoitar dende Guadi Galego a Miles Davis.

Vinculado á música tradicional e á súa fusión con outros sons, Marcelo Dobode comeza suxerindo De pressa a vida passa, de Ugia Pedreira e Fred Martins, "que resultou ser unha peza un tanto premonitoria, porque describe moi ben este momento no que nos obrigaron a frear". Ademais escolle Ilusión, interpretada por Marisa Monte e Julieta Venegas, "porque nos devolve precisamente iso, a ilusión, que regresa cando o drama pasa", e Morrer en Jalisia, de Monoulious DOP, "porque como bos galegos que somos temos que botarlle a isto retranca".

Preme sobre a imaxe para consultar a listaxe de reproducción completa:
Lista de reproducción de Diario en Spotify


A cantautora pop Cora Velasco comeza recomendando Cedeira, de Guadi Galego. "É unha canción que me desarma. Nestes momentos de desacougo, dáme esperanza". Tamén se queda con September, de Earth, Wind & Fire, "un tema para deixarse levar, bailar e volverse un pouco tolo, algo que nos fai moita falta neste encerro", e Una noche de amor desesperada, de Triana, "porque me flipa".

O pasado domingo, a artista compartiu na súa conta de Facebook unha versión acústica propia do 'Resistiré'.

Gonzalo Maceira é o mono furioso do grupo de rock Furious Monkey House. "O primeiro tema que vou propoñer é Miércoles, de El Trío de Omar Rodríguez López. Porque este home é un redescubrimento constante", explica. "Despois tamén escollo Frontier Psychiatrist, de The Avalanches, porque este tamén é un intre moi interesante para investigar que novos sons se están facendo, por exemplo, esta banda que só emprega samplers, e We No Who U R, de Nick Cave & Bad Seeds, porque agora que temos máis tempo é o momento perfecto para deterse na lectura das letras deste home".

No grupo Piter, Ralph & Tery, cada integrante escolle un tema. Piter queda con No hago más na, de El Gran Combo de Puerto Rico. "A historia dun vividor que non fai nadiña en todo o día". Ralph, Fiesta, de Serrat, "por ese sentimento de colectividade en marcha cara a festa". E Tery, September, de Earth, Wind & Fire, como Cora Velasco, "porque non hai canción que me faga sentir máis gañas de vivir, saltar e bailar".

O contrabaixista de jazz de Vilanova de Arousa Paco Charlín comeza decantándose por So What, de Miles Davis, do disco Kind of Blue. "Todo o álbum é unha verdadeira obra de arte". Continúa con Foxey Lady, de Jimi Hendrix, "mostra de enerxía, forza e intensidade, da rabia como actitude e da guitarra con distorsión como unha arma que todo queima ao seu paso". E finaliza con Lazarus, de David Bowie, "un tema que fala do que nos pode ocorrer nun futuro e do que deixamos detrás". E un artista especial para Charlín, que o chegou a coñecer. "Puiden darlle a man en Boston, en maio de 2000".

Finalmente a soprano canadense afincada en Pontevedra Bonnie Cooper escolle A Paixón de San Mateo, de Bach. "Se trata de un oratorio espectacular, el más hermoso de la historia de la música". Tamén recomenda Leningrado, de Shostakovitch, "un mensaje de ánimo y esperanza del compositor a su gente durante la invasión nazi con una música increíble", y Frühlingsglaube, de Schubert, interpretada por Elly Ameling, "porque nosotros también creemos en la primavera".

Comentarios