Baobab Teatro competirá nos XXV Premios de Teatro María Casares

A compañía pontevedresa loitará polo galardón a mellor espectáculo infantil co proxecto Ris Ras
photo_camera Escea do espectáculo «Ris Ras» de Baobab Teatro. CEDIDA

Baobab Teatro resultou finalista nos XXV Premios de Teatro María Casares, dentro da categoría de mellor espectáculo infantil, grazas á función Ris Ras que foi estreada no Salón do Libro de Pontevedra. A gala este ano celebrarase o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Baobab Teatro fundouse a finais do 2010 da man de Andrea Bayer e Óscar Ferreira; ambos con gran experiencia e varios premios e mencións, entre os que destacan o Premio Barriga Verde polo espectáculo O lobo e a lúa , o premio ao mellor espectáculo para público infantil e familiar na XXVII Feira de teatro Castilla e León, Ciudad Rodrigo polo espectáculo Luppo, ou a Nomeamento aos Premios MAX polo espectáculo Fíos.

Dende a compañía teatral, explican que Ris Ras é un espectáculo que ''nace da posta en valor da nosa lingua, co obxectivo claro de profundizar nos ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos menos coñecidos para que non se esquezan''.

Un espectáculo que forma parte dun proxecto emprendido en 2017 que segue promovendo o uso do galego. Coa fin de enredar, facer rir e bailar, este espectáculo musical e teatral que nos conduce á tradición oral da lingua galega, está orientado para os máis pequenos da familia de entre 1 e 8 anos.

A dirección de escea está a cargo de Andrea Bayer, responsable tamén do guión, e Óscar Ferreira, sobre quen tamén recae a escenografía, mentres que a composición musical é obra de Davide González. Daniel Abalo encárgase da realización do deseño de luz e son e sobre o escenario atópanse as actrices Iria Pinheiro e Alién Kendelman.

Un total de trece espectáculos competirán no mes de setembro en calidade de finalistas por acadar algún dos catorce galardóns que se entregarán na gala deste ano. A obra A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, encabeza as candidaturas optando a gañar nun total de oito categorías.

Os premios María Casares, que se celebran anualmente, foron creados en 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co obxectivo de estimular e recoñecer o traballo desenvolto pola profesión teatral en Galicia.

Comentarios