Baobab volve á feira de Ciudad Rodrigo co espectáculo "Mai Mai"

"Fainos ilusión por partida dobre: por ser unha montaxe arriscada e por ser nun ano coma este"
Andrea Bayer xunto ao oso panda 'Mai Mai'. CEDIDA
photo_camera Andrea Bayer xunto ao oso panda de "Mai Mai".

A compañía pontevedresa Baobab repite na programación da Feria de Teatro de Castilla y León-Ciudad Rodrigo, unha referencia no seu ámbito que xa seleccionou e premiou montaxes do grupo noutras ocasións (Pum pum! en 2017 e Luppo, que foi galardoada en 2015, entre outras). "Que podo dicir eu da feira de Ciudad Rodrigo, que sempre nos tratou con tanto agarimo e que segue confiando nas nosas propostas?", sinala Andrea Bayer, fundadora de Baobab xunto con Óscar Ferreira. "Que nos seleccionaran nesta ocasión fainos moita ilusión por partida dobre: primeiro, porque Mai Mai é unha montaxe arriscada e, segundo, porque un ano coma este é especialmente complicado".

A feira de Ciudad Rodrigo, que terá lugar entre o 25 e o 29 de agosto nesta localidade de Salamanca, é un dos espazos que os programadores de todo o territorio estatal elixen para ver e escoller propostas para os seus escenarios. "De aí tamén a súa importancia. Cando vas a Ciudad Rodrigo tes a posibilidade de achegarte ao mercado nacional, algo fundamental para unha compañía como a nosa, para a que é imposible sobrevivir só do mercado galego".

A maiores, Baobab recibiu con especial alegría que Mai Mai fose seleccionada porque a obra «é unha aposta un tanto arriscada, quizais mesmo molesta para algunha xente", explica Andrea Bayer. "E, sen embargo, para nós estes que tratamos son temas fundamentais dos que hai que falar, temas que se botan moitas veces en falta no ámbito do teatro familiar". Mai Mai é a historia do último oso panda do planeta e a dunha muller emprendedora e dun famoso fotógrafo que van á súa procura.

igualdade e ecoloxismo. Entre as cuestións sobre as que Baobab reflexiona nesta montaxe, que está protagonizada pola propia Andrea Bayer, Óscar Ferreira e Xosé Manuel Esperante e que se estreou no Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra de 2019, están a igualdade e o ecoloxismo. "Mai Mai conta dúas historias paralelas: a da muller e do home, e a do oso panda". Na primeira é onde a compañía propón unha reflexión sobre as desigualdades de xénero, "que seguen existindo, moitas veces porque se perpetúan a través de comportamentos dos que nin nos decatamos". Da outra banda está a historia do oso, "a súa loita por sobrevivir, entre outras cousas pola falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global".

Baobab é a única compañía galega que participará este ano na feira de Ciudad Rodrigo, que compuxo unha programación de 33 propostas escénicas e que celebrará unha edición moi marcada pola covid-19: con representacións ao aire libre e un apartado on-line.

Comentarios