A Biblioteca celebrará o 'Mes do libro' con Bea Campos e Raquel Queizás

Anias e Reviravolta impartirán cadanseu obradoiro dirixido ao público infantil e haberá exposicións bibliográficas na honra de Hans Christian Andersen e para conmemorar o 23 de abril
Bea Campos durante un contacontos. DAVID FREIRE |ARQUIVO DP
photo_camera Bea Campos durante un contacontos. DAVID FREIRE |ARQUIVO DP

Contacontos e obradoiros centrarán a programación da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra en abril, Mes do libro. Segundo informou a Xunta, as actividades iniciaranse hoxe (18.00 horas), véspera do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, cunha sesión de contos a cargo de Bea Campos.

O resto das sesións do mes servirán para conmemorar o Día do Libro (23 de abril). O día 8 (16,30 horas) desenvolverase o obradoiro creativo de caligramas Debuxa coas palabras, a cargo de Anias. O día 22 (18.00 horas), véspera da efeméride, terá lugar o espectáculo Vén a conto: contos para educar a intelixencia emocional, de Raquel Queizás. Finalmente, o venres 29 (tamén 18.00 horas) chega á Biblioteca Reviravolta con A fábrica de contos, un obradoiro de creación de relatos ‘cadáver exquisito’. 

Durante a primeira quincena do mes instalarase unha exposición sobre a vida e obra do pintor Laxeiro, artista homenaxeado este ano no Día das Artes Galegas.

A maiores, a Xunta anuncia que haberá haberá dúas mostras bibliográficas conmemorativas: Érase unha vez… Andersen! e 22 libros para o Día do libro. Ademais, durante a primeira quincena instalarase unha exposición sobre a vida e obra do pintor Laxeiro, artista homenaxeado este ano no Día das Artes Galegas.

Á marxe das actividades arredor das efemérides, o día 30 haberá un curso de autoprotección feminina, dirixido a mulleres de 16 anos en diante. O presidente da Asociación Española de Defensa Persoal e Policial, Bernardo López, impartirá a actividade.

A información completa da programación da Biblioteca Antonio Odriozola está na súa web, onde tamén se poden realizar as inscricións para as distinas actividades.

Comentarios