'O boneco' á procura de mecenas

O egresado de Belas Artes Daniel Lizarronne busca financiamento para poñer en marcha unha serie de contos en stop motion

Imaxe do personaxe do filme de Daniel Lizarronne. CEDIDA
photo_camera Imaxe do personaxe do filme de Daniel Lizarronne. CEDIDA

Un neno desexa con todas as súas forzas ter un irmán. Por iso se encapricha dun boneco co que comparte todo o seu tempo, ata que este se estraga deixando ao protagonista da historia moi triste. Romper cos estereotipos sexistas que predominan tamén nos xoguetes é unha das finalidades da curta de stop motion 'O boneco', que dirixe Daniel Lizarronne e que estes días busca na plataforma Verkami financiamento para poder ser unha realidade.

"Esta sería só a primeira curtametraxe dun proxecto de curtas autoconclusivas, historias independentes que pretenden revisar contos infantís para xerar unha pequena serie de animación na que se lle dea a volta a prexuízos, estereotipos e roles que se nos asignan xa dende pequenos", explica Lizarronne.

Deste xeito, a primeira historia da serie xa ten feito o storyboard e os traballos de preprodución. "Agora traballamos no deseño dos personaxes, para iso precisamos estruturas, que van por dentro dos bonecos e teñen un custo de preto de 3.000 euros só para catro personaxes", explica Lizarronne. É por iso que "O boneco" está á procura de mecenas na plataforma Verkami.

MORALEXA. Segundo explica o propio Lizarronne, a primeira curtametraxe do proxecto trata de explicar o valor de compartir tempo cos avós e ten como moralexa a idea de que "as cousas son efémeras e hai que sentirse agradecido por poder ter vivido certas experiencias cando esas persoas xa non están", conta o director. Do mesmo xeito, incluír a figura da avoa é un xeito de facer fincapé na relación cos avós. Esta non é só unha historia destinada a público infantil, senón que tamén está pensada para os adultos. "É unha curta sobre a empatía, sobre como superar a tristura dunha perda", indica.

A curta conta con guión da mestra de Educación Primaria e especialista en roles e estereotipos de xénero Sara Rodríguez. Os encargados do son son Irie Works e Anahí Sotelo encárgase da creación dos escenarios do filme. "Queremos ter un acabado máis técnico para poder buscar algún medio de distribución, como por exemplo Movistar, para poder amosar a nosa película", contan.

O director do filme espera poder ter rematada a primeira produción en setembro deste ano. "Se optas ás axudas da Xunta tes que adiantar os investimentos para poder ter o proxecto listo en setembro, antes de recibir a subvención, por iso se fai un pouco complicado poder acadar este tipo de financiamento", conta o cineasta, licenciado en Belas Artes que prepara a súa tese de doutoramento sobre psicoloxía da ilustración, centrándose nos estereotipos que se reproducen por este medio. Se non é posible acadar todos os cartos precisos para levar a cabo a curtametraxe nos próximos meses, Lizarrone ten previsto rodala igualmente, aínda que o proceso se dilate algo máis no tempo.

"Mentres estudaba decateime, por exemplo, de que existen moi poucas mulleres heroínas nas historias", explica o director, que recoñece que lle está a custar atopar contos tradicionais para poder adaptalos e facer curtas libres de estereotipos. "Queremos revisar as historias e actualizalas", explica e sinala que se centrará en lendas e contos tradicionais galegos para seguir adiante cos seguintes episodios do proxecto.

Comentarios