O Burgo renuncia aos seus actos públicos polo covid e por falta de relevo xeracional

O colectivo decidiu na última asemblea non realizar nin a alfombra das Letras Galegas nin a Festa dos Avós
A última alfombra floral que fixo O Burgo en Curros Enríquez: o 17 de maio de 2019. RAFA FARIÑA
photo_camera A última alfombra floral que fixo O Burgo en Curros Enríquez: o 17 de maio de 2019. RAFA FARIÑA

A asociación sociocultural O Burgo, deste barrio de Pontevedra, vén de confirmar a súa renuncia a realizar actos públicos a consecuencia da covid e por falta de relevo xeracional. A última actividade que decidiron deixar foi a da confección da alfombra floral do Día das Letras Galegas, que tampouco se realizara xa nos dous últimos anos. "Facer a alfombra dá moito traballo e require que nos xuntemos todos a preparar as flores. En tempos coma estes é bastante arriscado e a xente prefire non facelo", explica Xaquín Estévez Galiñanes, do colectivo.

A alfombra na honra do persoeiro homenaxeado o Día das Letras Galegas comezou a confeccionarse hai 22 anos, cando se lle dedicou a Manuel Murguía. "Daquela fixémola na rúa que leva o seu nome", conta Estévez Galiñanes. "Uns anos despois a alfombra trasladouse a Curros Enríquez". Foi exactamente en 2005, cando dende o Concello se converteu na actividade central do Día das Letras en Pontevedra. Incluíu cada ano recitais poéticos, actuacións musicais, intervencións de autoridades e, en distintas ocasións, intervencións de familiares dos autores homenaxeados. En 2019 deixou de facerse a causa da pandemia e O Burgo, agora mesmo, non ten intención de recuperala. Dende o ano pasado, o Concello pasou a organizar un acto na Praza da Ferrería.

DENDE 2000. "Na última asemblea decidiuse prescindir de todas as actividades públicas", segue explicando Estévez Galiñanes. "Xa non fixemos a tradicional filloada do Entroido. Tampouco a alfombra das Letras, que viñamos realizando dende 2000. E tampouco a Festa dos Avós, que era no verán. Polo momento, só se mantén o magosto, porque se fai ao aire libre". 

Aos problemas derivados da covid, na asociación de O Burgo únese o de falta de relevo xeracional. "O 80% das persoas que traballamos na asociación temos máis de 65 anos. Gustaríanos que se sumase a nós xente nova, pero non se consegue. Levamos tres ou catro mandatos sendo os mesmos na directiva e a realidade é que xa somos maiores".