O caderno de guerra de Ánxel Carramal

► O autor pontevedrés publica con Xerais o cómic co que gañou o IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético
O pontevedrés Ánxel Carramal co seu cómic nas mans. DAVID FREIRE
photo_camera O pontevedrés Ánxel Carramal co seu cómic nas mans. DAVID FREIRE

 "Fixen a historia que a min me tería gustado ler e da forma na que a min me tería gustado que ma contaran. Porque, como di o meu mestre Fernando Llor, que os lectores sexan nenos non quere dicir que sexan parvos". Psicólogo e debuxante de cómic, Ánxel Carramal (Pontevedra, 1994) é alumno da escola O Garaxe Hermético. O pasado venres presentou na Libraría Paz O Caderno de Rama (Xerais, 2023), a obra coa que gañou o IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

"Cando comecei na escola de Kiko da Silva non tiña moita vocación de facer historias infantís. A min gústame o terror, a violencia e a serie B e tiña na cabeza tirar por aí, por historias para un público máis adulto. Pero para presentarnos ao premio tiñamos que facer unha historia infantil porque se inclúe na colección Merlín Comics". Carramal deulle voltas a que tema podía tratar. "Tiña que dar con algo que me motivase o suficiente e algo que me interesou moito sempre foi a guerra". 

Dobre páxina central de 'O caderno de Rama'.
Dobre páxina central de 'O caderno de Rama'.

O autor recoñece neste sentido a influencia do videoxogo This War of Mine e, en concreto, The Little Ones, que se centra na experiencia dos máis pequenos durante os conflitos bélicos. "Ao final son os grandes esquecidos e parecíame importante poñer o foco aí. Non se trata xa só da cifra de falecidos senón da situación na que quedan os que sobreviven, dos traumas que arrastrarán toda a súa vida".

O reto era conseguir debuxar unha historia para a cativada sobre a guerra "sen pasarme de cru e sen facer tampouco unha cousa edulcorada", explica. "Non quería de ningunha maneira chegar a ese final onde o poder do amor o consegue todo, porque a vida non é así". A inspiración chegoulle a través dunha foto real dun neno israelí nun orfanato que atopou nas redes. A partir desa imaxe construíu a súa historia.

Todos os mestres me advertiron de que era pouco crible ambientalo nunha cidade europea, que a Segunda Guerra Mundial quedaba moi atrás. Uns meses despois, empezou a guerra de Ucraína

O autor pontevedrés tivo claro dende o comezo que non era necesario dar demasiados detalles sobre unha guerra concreta. "Ao final todas son iguais. Por iso decidín tamén debuxar a todos os soldados como homes-máscara sen rostro". Así que a súa historia está ambientada nun espazo sen determinar e nun contexto tamén sen determinar. "Pola estética pódese intuir que estamos nunha cidade europea e por outros detalles incluso se pode chegar a deducir en que periodo temporal está ambientado o relato, pero non é importante. Non é un país en concreto nin un ano en concreto". 

O de elixir unha cidade europea como localización, en concreto zonas da Bretaña francesa ou dos Países Baixos, si que foi algo escollido a propósito. "Interesábame achegar esa situación a un espazo no que, en principio, todos nos cremos a salvo. As guerras son algo que sucede lonxe, non? Ata os mestres, todos ademais, me advertiron de que era pouco crible ambientalo nunha cidade europea, que tivese coidado con iso, que a Segunda Guerra Mundial quedaba moi atrás. Uns meses despois de todo iso, empezou a guerra de Ucraína".

Á parte de lanzar unha mensaxe antibelicista e poñer o foco na infancia, Carramal quixo renderlle homenaxe ao poder da imaxinación e tamén ao valor da creación artística. Aprézase ben ao longo do cómic e, sobre todo, no seu final, que fai medrar a historia poeticamente. "A idea é que cada persoa, segundo a súa experiencia e segundo a súa madurez, remate facendo unha lectura ou outra. E ningunha estaría mal. Parte da graza está aí".

Despois desta experiencia, o autor non descarta repetir no eido infantil. "Acabei namorado destes personaxes, a verdade. Comecei a traballar no proxecto tomándoo como un encargo, pero recoñezo que acabei gozándoo. Así que creo que esta é unha porta que agora queda aberta para min", explica. "Pero o meu próximo cómic xa é para público adulto. Será o meu traballo de fin de estudos e titúlase Mala hostia".