Cantos na Maré trasládase a Santiago

O festival, que naceu en 2003 en Pontevedra, onde desenvolveu as 15 edicións que celebrou, inicia unha nova etapa na capital galega
2020091913420195465
photo_camera Presentación do novo evento, Maré, este venres en Compostela. XUNTA

O festival internacional da lusofonía Cantos na Maré abandona Pontevedra. O evento, que puxo en marcha a cantante Uxía na cidade no verán de 2003, presentou este venres a súa nova edición en Santiago, unha cidade que xa acollera algunha actividade da programación en 2016 e 2017. O novo proxecto chámase Maré e terá lugar entre o 24 e o 26 de setembro no Hotel NH Collection de Compostela.

O Concello de Pontevedra, que promoveu o nacemento do evento e que apoiou as 15 edicións que celebrou, valora o traslado como unha oportunidade para que siga medrando. "Cantos na Maré é un proxecto fermosísimo que naceu en Pontevedra e que sempre estará vinculado a esta cidade", explica a concelleira de Festas e Dinamización Cultural, Carme da Silva. "Agora inicia unha nova etapa e a nós só nos pode parecer ben que queira explorar novas vías de desenvolvemento. Penso que é moi interesante que vaia abrindo novos espazos e que se mova por distintas partes do país".

A concelleira recoñece que nos últimos anos xa se viña falando da súa posible celebración noutros lugares e engade que non descarta a súa volta á capital da provincia. "Da posibilidade do traslado lévase falando moito tempo porque o festival necesitaba uns espazos cunhas características concretas que o estaban empurrando a explorar outras posibilidades. Máis que nunca, neste ano no que todo é tan complicado", di Da Silva. "En todo caso, sempre teremos os brazos abertos para que volva cando queira".

"Sempre teremos os brazos abertos para que volva cando queira", indica Carme da Silva

RELANZAMENTO. O que se presentou este venres en Santiago é un relanzamento do festival como Maré-Músicas e Artes Atlánticas, "cun formato que engadirá foros profesionais e de emprendemento cultural, citas audiovisuais e gastronomía, aos concertos de artistas vencellados cos territorios de fala galego-portuguesa", indica a Consellería de Cultura nunha nota aos medios.

Segundo informa a Xunta, o festival artículase este ano nas seccións MaréLab, un espazo de investigación "para apoiar a economía creativa"; MaréNet, que quere situar Compostela como referencia do negocio das industrias culturais; CineMaré, unha carteleira audiovisual procedente das culturas atlánticas; GastroMaré, un encontro entre cociñeiros e música "para descubrir novos sabores e produtos"; e MaréTV, o apartado audiovisual da plataforma de música Tolemias, desde a que se poderán seguir, ademais, moitas actividades do festival en streaming. A maiores, no evento intégranse este ano a entrega dos premios da música e da poesía galego-portuguesa aRi[t]mar.

O apartado artístico, que segue tendo á fronte á cantante Uxía, denomínase MaréFest e este ano contará con Toty Sa'MED, A Pedreira, Paco Cifuentes, Pierre-Yves Rougier, LaBaq, Faia, Nacho Muñoz, Lar Legido, António Zambujo, Sabela, Miguel Araújo e Bifannah.

Insinuacións e polémicas 
A última etapa de Cantos de Maré en Pontevedra estivo rodeada de insinuacións sobre o cambio de lozalización e por algunha polémica. En 2015, tras un ano sen celebrarse, os seus responsables volveron á cidade anunciando unha reformulación no seu deseño e desenvolvemento. Preguntados pola súa permanencia ou non en Pontevedra, Vítor Belho (Nordesía) contestaba: "Pontevedra estará implicada neste novo proxecto na medida en que queira estalo". A daquela concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, confirmaba que a cidade quería seguir sendo a sede do evento. 

Tras iniciar en 2018 unha nova etapa, que abriu o festival a músicas urbanas e ampliou días e espazos, producíronse distintas queixas entre o público relacionadas con cambios de escenario a última hora ou confusións sobre cos horarios e coas entradas. A última e máis importante das polémicas tivo lugar o ano pasado, cando os veciños na Praza da Pedreira presentaron unha querella contra o Concello polo ruído e polos problemas para acceder ás súas vivendas.

Comentarios