Marta Veiga: "Carballeira foi un pioneiro do xornalismo en Galicia"

A xornalista obtivo a mellor calificación do xurado pola reportaxe Cantigas para despois dunha pandemia
Marta Veiga Izaguirre recollendo o premio. A.M
photo_camera Marta Veiga Izaguirre recollendo o premio. A.M

Marta Veiga é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, amais de investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso e na Revista Luzes, que publicou a reportaxe galardoada co Premio Johan Carballeira de Xornalismo. 

Que supón para vostede recibir o Premio Johán Carballeira de Xornalismo?

Levei unha alegría grande por ser un premio creado na memoria dun pioneiro do xornalismo en Galicia, como foi Johán Carballeira, dos primeiros profesionais da comunicación en experimentar no país cos xéneros da entrevista e, sobre todo, a reportaxe. É un premio que fago extensivo á xente da revista Luzes e aos marabillosos fotoxornalistas de Imaxe Covid, que achegan as fotos. É unha honra enorme suceder a Nieves Neira polo seu magnífico traballo en El Progreso, que tamén é a miña casa, sobre a redescuberta da fotógrafa de Becerreá Maruja Roca. A figura de Johán Carballeira, ademais, é a dalguén comprometido co país, leal ao goberno legal republicano e que por eses motivos foi detido, preso na Illa de San Simón e finalmente fusilado na Caeira en abril de 1937. O Johán Carballeira é a un tempo un galardón de xornalismo e á memoria histórica e democrática. Por outra banda, desde o máis puramente persoal, hai agora vinte anos comecei a traballar como xornalista cotizando á Seguridade Social, despois de varias experiencias como bolseira. Aquel primeiro contrato foi no Diario de Pontevedra. As primeiras informacións que fixen o 16 de abril de 2001 (que sairían publicadas o 17 de abril, no aniversario de Johán Carballeira) foron noticias do Morrazo. Semella que se completase un ciclo.

Que pretende contar na reportaxe coa que gañou o certame?

A reportaxe naceu dun comité de redacción na revista Luzes. Estabamos tratando temas para o vindeiro número. Na tormenta de ideas, xurdiu a posibilidade de escribir unha peza sobre o despois e o como. Sobre esas eivas que estaban aí e que ficaron en evidencia cunha crise sociosanitaria desta magnitude. Como coidamos das nosas persoas maiores e vulnerables e de que xeito resultaba xa monstruosa antes da pandemia a estabulación de persoas en granxas de vellos que se converteron nunha trampa mortal. As fendas na conectividade, a do transporte público e a dixital. A dobre velocidade que vivimos entre a Galicia do Eixo Atlántico e a oriental. Como o deseño urbano e a cohesión territorial se revelaron como un problema e de que xeito dilapidamos un patrimonio cultural e de coñecemento para a educación a domicilio ou para a produción de alimentos, que durante a crise e os confinamentos botamos de menos. Estoulle moi agradecida ás compañeiras e compañeiros de Luzes por facérenme a encarga de escribir esta reportaxe, ao igual que me sinto en débeda con todas as persoas que me serviron como fontes.

Esta reportaxe non tería sido posible sen o fantástico traballo que se fixo nos medios locais naquel momento

Nunhas circunstancias tan extremas como as das desta pandemia, como definiría a reportaxe polo seu contido?

A revista Luzes é de periodicidade mensual, o que permite uns prazos de produción e unha extensión que non son posibles no xornalismo diario, sobre todo, nesas primeiras semanas da pandemia, cando nas redaccións dos medios locais en Galicia a loita era cos datos do día a día, co número de persoas infectadas e falecidas, e coas continxencias adoptadas. Os ritmos diarios, en situacións moitas veces moi precarias, impoñían unha mirada cara aos números e cara as medidas sanitarias. Non sabiamos gran cousa e había un gran desconcerto. A primeira fonte dunha xornalista son sempre outras xornalistas e esta reportaxe tampouco tería sido posible sen o fantástico traballo que se fixo nos medios locais, impresos, audiovisuais e nativos dixitais. Grazas a que Luzes é unha revista mensual, eu tiven a oportunidade de ollar cara espazos que as máis das veces non están no foco e reflexionar sobre a afección social dunha crise sanitaria: como repercute nas persoas nas marxes, como nos sitúa no mundo, de que xeito incide un deseño hostil das cidades e nas vilas. É unha reportaxe que ten un chisco de crónica. Aparece a primeira persoa narrativa, que neste caso son eu, e as miñas propias inquedanzas.

Sairemos mellores deste inferno que está sendo a covid 19? Como vía este tema no momento da súa publicación?

Tiña dúbidas moi fundadas de que isto fose así en maio de 2020 e agora, un ano despois, estou convencida de que non. Ben deitaremos de non saír peores. Quizais teñamos a oportunidade de corrixir problemas tan vergoñentos como os das residencias, de pensar en solucións de proximidade e máis acaídas, de escala máis familiar, para coidar das persoas maiores. Oxalá cavilemos na importancia do societario, da comunidade e das redes. O que estamos vendo é que esta crise sociosanitaria deixou policías de balcón, todoloxía de tertulia televisiva e abusos e fraude por parte das empresas cos Ertes. Seguiron producíndose desafiuzamentos. O teletraballo e a teledocencia supuxeron unha carga dupla para as mulleres que, por riba, foron tamén as mais afectadas polo desemprego nestes meses. Tamén comprobamos de que xeito a pandemia petou máis nos barrios máis ateigados e empobrecidos das cidades, cunha densidade de poboación máis alta, sen outra opción que coller o transporte público e con persoas en postos de traballo especialmente expostos ao contaxio. Por non falar do xeito no que se teñen esparexido teorías conspiranoicas, que cuestionan ata a existencia da propia pandemia, e ese desfile de persoas en postos de responsabilidade que saltaron a ringleira para seren vacinados cando non lles tocaba. Non son especialmente optimista, a verdade.

O xurado destaca a importancia da reportaxe como xénero xornalístico, entre outras cousas, porque fuxe do coxuntural, que é a maior parte da información que recibimos na actualidade. Coincide coa súa opinión? Cre que actualmente estamos saturados tanto de información como de desinformación?

Unha das cousas que máis valoro deste premio Johán Carballeira, ademais de recoñecer textos escritos en lingua galega, é que estea dedicado á reportaxe como xénero. Vivimos desde hai uns anos un contexto xornalístico case que de burbulla dos xéneros de opinión. Os opinadores (e digo os opinadores porque adoitan predominar as voces masculinas) cóntannos cantos gintonics toman á semana ou se lles doe que non gañe o seu equipo de fútbol favorito ou, mesmo, se toman gintonics con outros opinadores para falar de que desgraza que o seu equipo de fútbol favorito non erga cabeza esta tempada. Eu tamén escribo opinión algunha vez e ás veces teño a sensación de se realmente será non xa valiosa, senón un minimamente interesante para alguén. Pola contra, a reportaxe é un xénero ben necesario que require tempo e ollada; ler, documentarse, falar coa xente, desprazarse aos lugares. Hai anos que o panorama mediático estatal prima as tertulias, o barullo e a opinión fronte aos xéneros informativos e interpretativos. Neste sentido, o xornalismo local que nos achega historias de proximidade está a facer un papel moito máis digno. Por iso é tan de agradecer que o Concello de Bueu lle dedique un galardón ás reportaxes escritas en galego.

Unha vez superada a pandemia, no seu momento, cre que habería que replantexarse moitas cousas da nosa sociedade, como o coidado dos nosos maiores e os servizos públicos como a sanidade ou a educación?

Unha vez superada a pandemia e sempre. Debéramos pensar sobre o valor do público e do comunitario fronte ao individualismo neoliberal. Eran tan impecables como pensabamos os nosos sistemas de saúde, educación e servizos sociais ou realmente ían funcionando, malia o seu desmantelamento e privatización, pola implicación e a vontade de moito do seu persoal? Foi verdade que nesta crise pandémica non deixamos a ninguén atrás? É realmente necesario que traballemos nun presencialismo en horario de xornada partida, mañá e tarde, e desprazamentos diarios en vehículo particular, co que iso supón de gasto e de pegada ecolóxica? Cales son as nosas prioridades? Saír en estampida a tomar unha caña ao tempo que criticamos os das festas ilegais e os adolescentes do botellón? Podemos favorecer un lecer e un uso dos espazos públicos que non implique gasto ou consumo? Teñen que ser os nosos horarios comerciais os máis extensos do mundo, co que iso supón para as persoas que traballan no sector? Como xornalistas e como persoas que vivimos nun mundo con máis xente debéramos procurar respostas para estas cuestións.

Despois desta pandemia oxalá cavilemos na importancia do societario, da comunidade e das redes

Comentarios