Carlos Tarque visitará Santiago en xaneiro coa súa xira en solitario sen M-Clan

Este venres lanzou un novo anticipo do seu novo disco

Carlos Tarque. INSTAGRAM
photo_camera Carlos Tarque. INSTAGRAM

O vocalista de M-Clan, Carlos Tarque, anunciou as datas da xira na que presentará en vivo o seu disco en solitario, Tarque, que se publicará o 5 de outubro e do que este venres lanzou ademais un novo anticipo en forma de canción, Bailo.


Segundo a nota de prensa remitida aos medios, iniciará o seu periplo o 2 de novembro en Xixón (sala Albéniz) e viaxará durante ese mes a Valladolid (LAVA, día 3), Zaragoza (salga Oasis, 10) e Pamplona (día 30).

En decembro será a quenda de Bilbao (Kafé Antzokia, día 1), Alacante (The One, día 14), Sevilla (sala Custom, día 15), Madrid (sala But, día 22), Valencia (sala Moon, día 28) e Barcelona (sala Apolo, 29).

Para rematar, xa en xaneiro, a súa xira levarao ata Santander (sala Capitol, 11), Santiago de Compostela (sala Capitol, 12), Murcia (sala REM, 25) e Castelló (Festa Benvida do Ano, día 26).

Gravado no formato básico de guitarra (Carlos Raya), baixo (Iván 'Chapo' González) e batería (Coki Giménez), coa produción da propio Raya, o obxectivo en Tarque foi "gravar un repertorio con son hard rock e descargar unha alta dose de electricidade".

M-Clan publicou en 2016 o seu último disco de estudo, Delta, sucesor no mercado de Arenas movedizas (2012). Entre medias, a banda murciana, reducida na súa composición a Carlos Tarque e Ricardo Ruérez, gravou o álbum en vivo Dos noches en el Price (2014) con motivo do seu vixésimo aniversario na música.

Comentarios