Celso Bugallo porá a súa voz na película de animación 'Os demonios do meu avó'

"É unha pequena participación, pero estou encantado", di o actor que gravará a súa parte esta semana en Lisboa
O actor Celso Bugallo. DAVID FREIRE (ARQUIVO)
photo_camera O actor Celso Bugallo.

"O cine de animación non me resulta especialmente complicado, pero é moi diferente a unha rodaxe. Iso é evidente", explica Celso Bugallo sobre o seu traballo en Os demonios do meu avó, a película de stop-motion, dirixida polo portugués Nuno Beato, na que porá voz a un dos personaxes. Neste caso trátase dunha pequena participación, pero estou encantado, engade o actor nacido en Vilalonga (Sanxenxo) e afincado en Pontevedra, que gravará a súa parte esta semana en Lisboa.

Gañador dun premio Goya polo seu traballo na película Mar adentro, de Alejandro Amenábar, Bugallo xa participara con anterioridade noutro filme de stop-motion. "Si, en O Apóstolo, de Fernando Cortizo", lembra.

Os demonios do meu avó é unha coprodución internacional que conta a historia de Rosa, "unha muller na trintena que se reencontra coas súas orixes a través das cartas e enigmas que lle deixa o seu avó recentemente falecido, e que a irán guiando por un mundo poboado por criaturas fantásticas e animais silvestres", informa o Clúster Audiovisual Galego.

Ademais de Bugallo, tamén poñen as súas voces neste filme actores portugueses e galegos. Entre estes últimos destacan Isabel Naveira e Luis Iglesia.

A película é unha coprodución na que están involucradas produtoras de Galicia (Parrocha Studio), País Vasco (Basque Films), Francia (Marmita Films) e Portugal (Sardinha em Lata), segundo informa o Clúster.

Á fronte da produción en Galicia está Xosé Zapata, promotor da firma ParrochaStudio, de Arteixo (A Coruña), que está dedicada á fabricación de monecos para películas stop-motion. Zapata é un produtor con más de vinte anos de experiencia no sector e que destaca pola súa participación en obras de animación como Buñuel no labirinto das tartarugas.

Celso Bugallo tamén forma parte do reparto da película "La isla de las mentiras", de Paula Cons, que se acaba de estrear en Cans e que se pode ver en www.filmin.es.

Comentarios