Celso Varela en cirílico

O poeta ruso Viktor Permiakov inclúe seis pinturas do auto de Briallos no seu último libro, 'Museo Permitage'

O creador Celso Varela, onte, mostrando o libro ruso no que aparecen os seus lenzos. DAVID FREIRE
photo_camera O creador Celso Varela, onte, mostrando o libro ruso no que aparecen os seus lenzos. DAVID FREIRE

Seis obras do pintor Celso Varela (Briallos, Portas, 1952) ilustran outros tantos poemas do autor e profesor ruso Viktor Permiakov no seu último traballo, o poemario Museo Permitage, publicado o ano pasado. Os textos de Varela inspiraron os versos de Permiakov nunha obra, titulada cun xogo de palabras entre o seu apelido e o Museo do Hermitage de San Petersburgo, na que colaboraron autores de todo o mundo, dende o italiano Ernesto Treccani ao austríaco Friedensreich Hundertwasser.

"Un catálogo é como unha mensaxe nunha botella: nunca sabes onde pode chegar, en que mans pode caer", di Varela. "Todo depende de quen o colla e do que signifique o que vexa cando o abra: quizais nada, quizais todo". Fala así para referirse ao inicio desta historia, que comezou cando agasallou cun catálogo seu, hai dez anos, a un amigo ruso músico, afincado en Lugo dende 2001: Anatoli Kmibouski. O círculo aspira a pecharse o vindeiro mes de agosto. "Podería ser que o autor do libro veña coñecer Pontevedra con Anatoli. Sería fantástico que finalmente nos coñeceramos", remata.

Esta peripecia que levou paisaxes de Briallos a inspirar versos en cirílico ten como fío condutor a Kmibouski. Despois de celebrarse a exposición '30 anos de pintura', en 2006, no Pazo da Cultura de Pontevedra, Varela regaloulle un dos catálogos daquela mostra. "Deilles a eles un, como repartín ducias entre amigos, coñecidos e persoas que me parecía que podían aprezar o traballo".

VOLGODRADO. O músico levou o catálogo á súa cidade natal, Volgogrado (Stalingrado ata 1961), e mostroullo a un amigo poeta e mestre no Instituto de Arte da localidade Viktor Permiakov, que conectou intensamente coas pinturas de Celso Varela. Así que en 2008 decidíu escribirlle para dicirllo ao tempo que lle explicaba que estaba a realizar un proxecto no que convidaba a pintores de distintas partes do mundo a cederlle algunhas das súas obras para inspirar os seus poemas. Cos versos e cos cadros pretendía publicar despois un libro.

O ruso contáballe ao creador de Briallos que lle gustaran os lenzos que vira no catálogo e pedíalle permiso para empregar algúns no proxecto. "Por suposto, díxenlle que si e comezamos a intercambiar correos electrónicos".

Dez anos despois, o seu amigo Anatoli tróuxolle de Rusia a Varela un exemplar de Museo Permitage, o poemario que publicou o ano pasado Viktor Permiakov. Nel reúne arredor de 80 poemas inspirados en cadansúa obra de arte. Entre elas hai seis do creador de Briallos: os retratos da súa nai, Elisa; da súa filla, María, e o de Ángeles en mi estudio; dúas paisaxes de Briallos, e unha Crufixión. "Todas seleccionadas por el mesmo. Escolleu as que quixo".

CRUCIFIXIÓN. Esa selección persoal do poeta levouno a escoller unha Crucifixión, que Varela descartou no seu momento. "Foi unha obra que chegou a incomodarme. Non estaba conforme con ela. Rematei pintándolle por enriba. Non descarto facer outra, pero agora mesmo dela só queda esta reprodución en Museo Permitage", explica o creador.

O pintor comenta que lle resulta emocionante ver como un poeta dunha cultura tan diferente "conectara tan extraordinariamente ben" cos seus cadros. "Polas miñas veas corre pintura. Teño chegado a pechar o estudio con chave para poder illarme dos cadros e non obsesionarme", conta. "Por iso me parece algo maravilloso que conecten desta maneira con outra persoa. Conmóveme moito".

Varela, creador autodidacta, comezou a pintar a mediados da década dos 70 coa súa aldea natal, Briallos, e coas persoas do seu círculo íntimo como referencias indiscutibles da súa obra. Traballa dende 2011 coa galería Leonardo de París. Unha das súas últimas grandes exposicións foi en 2014 no Instituto Cervantes de Roma.

Comentarios