Cinema, viño e cultura galega danse a man no espacio Nemonon

Xavier Castro presenta este venres a súa obra Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX nun acto que inclúe unha xornada cultural e gastronómica para glosar a obra de Valle-Inclán
Xavier Castro. DP
photo_camera Xavier Castro. DP

O 2020 arranca no espacio Nemonon de Pontevedra cunha xornada que mistura arte plástico, literatura e cultura enolóxica, da man do Ateneo, a editorial Galaxia, adegas Paco&Lola e o escritor e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Xavier Castro, recoñecido especialista na historia do viño e a alimentación e colaborador semanal do Diario de Pontevedra.

A cita será este venres, a partires das 19.30 horas, momento no que Xavier Castro presentará a súa última obra Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX, publicada pola editorial Galaxia. Nesta primeira parte da xornada, de entrada libre, o autor estará acompañado polo presidente do Ateneo pontevedrés, Xaime Toxo.

Entre as obras máis destacadas de Xavier Castro figuran títulos como A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (Biblos) (En castelán: Yantares Gallegos, USC).

A continuación, entre as 20.15 e as 22.15 horas, no propio Espazo Nemonon, Xavier Castro conducirá a sesión de viño, cinema e cultura titulada A sociedade galega na obra de Valle-Inclán, con proxeccións audiovisuais, petiscos de produtos galegos de calidade e cata dos viños da adega Paco&Lola.

Esta sesión das Xornadas de Cinema, Viño e Cultura Galega, realizada en colaboración co Ateneo de Pontevedra, está dedicada a glosar as obras do extraordinario escritor da república das letras que foi Ramón María del Valle-Inclán, auténtico orfebre do idioma e creador do esperpento. Nas Comedias Bárbaras, nas Sonatas (en particular, na de Otoño) en Divinas palabras, Flor de santidad, etc. deixou plasmado un rico testemuño da sociedade galega da época.

Valle-Inclán tamén salientou ao longo da súa traxectoria como autor o mundo do viño na Terra do Salnés, das bebidas dos pazos visitados polo Marqués de Bradomín e das tabernas e os cafés de Madrid nos que facía tertulia con escritores galegos, e nos que Max Estrella calmaba a súa sede e distraía a súa melancolía de poeta bohemio. Valle-Inclán, coa súa creatividade, erixiu a Galicia a categoría estética universal.

Os comentarios do condutor do evento, Xavier Castro, darán conta destas cuestións sociais, especialmente as que se recollen no seu libro sobre a Historia da vida cotiá en Galicia. Intercalarense pasaxes de documentais e filmes que versionan ás mencionadas obras e tamén videoclips musicais representativos da época e da cultura do viño.

Degustación. Entreverado con todo isto e, para mollar cumpridamente a palabra, haberá ocasión de catar os excelentes viños da adega Paco & Lola (Denominación de Orixe Rías Baixas), unha das máis prestixiosas de Galicia que presentará as súas recoñecidas referencias.

Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pans de calidade, friames, queixo galego, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará con antelación no Espazo Nemonon, polo módico precio de 12 euros e con aforo limitado á cabida da propia sala Nemonom.

Comentarios