Conexión Pontevedra-El Prado

O Museo del Prado festexa o 18 de maio conectando con 20 centros museísticos, entre eles, o de Pontevedra ►Ángeles Tilve analiza a obra 'Víctima del trabajo' dende o Sexto Edificio
Un momento da conexión que se puido seguir en Instagram. S. MOSTEIRO
photo_camera Un momento da conexión que se puido seguir en Instagram. S. MOSTEIRO

"A nadie se le escapa que este es un Día de los Museos un tanto peculiar. Nunca un 18 de mayo, a mediodía, el museo había estado vacío como lo está hoy". Reivindicando o papel da cultura na sociedade, o director do Museo del Prado, Miguel Falomir, inaugurou este luns a actividade central da institución no Día dos Museos deste ano: unha conexión, a través da rede social Instagram, con 21 institucións museísticas de toda España. Entre elas, o Museo de Pontevedra. "Esta conexión tiene un carácter un tanto simbólico en tanto es un reconocimiento a todos los que pensamos que los museos son importantes".

Enfocando o cadro de Las Meninas, de Velázquez, e conectando co director do Museo Reina Sofía, Manuel Borja Villel, comezou unha proposta de máis de dúas horas de duración, que comezou cara o mediodía e que se puido seguir a través do perfil de Instagram do Museo del Prado (onde aínda pode visualizarse). O Museo Dalí, o Thyssen, o Altamira, o del Greco ou o Sorolla foron algúns dos que participaron nesta iniciativa de Del Prado que convidaba a achegarse a distintas obras destas institucións e a outras propias.

JENARO CARRERO. No caso do Museo de Pontevedra, co que se conectou cara as 12.45 horas, foi Ángeles Tilve a encargada de explicar por que se escollera para comentar a obra Víctima del trabajo, de Jenaro Carrero. A conservadora explicou que o cadro era unha das 76 pezas que o Museo del Prado ten depositadas en Pontevedra e lembrou que permanecera desaparecido durante décadas, antes de ser recuperado, en moi malas condicións, en 2001. Tilve precisamente formou parte do equipo que se ocupou da restauración da obra. O luns lembrou, entre outras cousas, que o autor do lenzo formou parte da Xeración Doente e que outra pandemia da súa época, a tuberculose, foi a que acabou coa súa vida. Así mesmo contou que o Museo conserva o boceto que o autor realizou de xeito previo á execución da obra.

"Muchas gracias por contar con nosotros en una iniciativa tan especial en un día tan especial para todos los museos", sinalou a conservadora pontevedresa, que fixo a súa intervención dende a sala do Sexto Edificio onde se expón de xeito permanente Víctima del trabajo.

Inclusión. 'Voces diversas que senten o Museo'
Ademais de coa conexión con El Prado, o Museo de Pontevedra celebrou o Día Internacional dos Museos, que este ano se desenvolveu baixo o lema Museos pola igualdade: diversidade e inclusión, compartindo na súa páxina web (www.museo.depo.gal) unha serie de vídeos que lle enviaron nove asociacións que traballan no eido da inclusión social na provincia, entre elas, Once ou Cruz Vermella. "Voces diversas que senten o Museo recolle os testemuños de persoas dalgunhas destas asociacións que nos relatan a experiencia vivida na súa visita ao Museo de Pontevedra ou nalgunha das actividades que realizan", indica a institución.

REABRE A BIBLIOTECA PÚBLICA LEMBRANDO QUE SE ACEPTAN DEVOLUCIÓNS ATA O 11 DE XUÑO

Unha moza realizando unha devolución este luns na Biblioteca. DAVID FREIRE

A pesar de ter ampliado o prazo de devolución de todos os materiais ata o 11 de xuño, moitos usuarios da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra achegáronse este luns á súa sede, no primeiro día de reapertura, para entregar libros e películas. Atopáronse cun sistema automático de devolucións no vestíbulo no que, a través dunha serie de instrucións, se lle indicaba como proceder.

A Xunta de Galicia reabriu este luns as sete bibliotecas que xestiona e que forman parte da rede autonómica. Segundo informou, a recuperación da actividade nestes centros realizarase en varias fases. "Na primeira –a que se iniciou o luns– procederase á apertura para as actividades de préstamo e devolución de materiais e lectura en sala. O préstamo farase baixo demanda e sen acceso directo aos fondos, polo que as obras serán solicitadas polos usuarios e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Ao seren devoltos, os fondos deberán gardar unha corentena de 14 días", explica a Xunta sobre como se procederá nestes primeiros días. "A lectura e consulta en sala só se permitirá naqueles fondos non susceptibles de préstamo a domicilio e respectando o límite dun terzo da capacidade da sala".

PEDIDOS ONLINE. A Biblioteca Antonio Odriozola lembra, na súa páxina web (bibliotecas.xunta.gal/pontevedra), que para realizar devolucións non é necesaria cita previa. O servizo de préstamo funciona mediante pedidos, que se poden facer ben través do formulario que está na web ben por teléfono (886159812). "Cando o material estea listo porémonos en contacto co usuario e darémoslle unha cita para recollelo", indica a biblioteca. Finalmente, a institución tamén volve ter operativo o sistema para expedir novos carnés de usuario. Hai que solicitalo por correo electrónico a [email protected] e responden coas indicacións para facelo.

Comentarios