Castelao: construtor da nación

Miguel Anxo Seixas vén de publicar o derradeiro tomo da súa monumental biografía adicada a Castelao. Un traballo maiúsculo para amosar á sociedade toda a capacidade do de Rianxo
Miguel Anxo Seixas posa cos tres tomos da biografía de Castelao fronte á balconada do Museo, deseñada por él en 1929. G GARCÍA
photo_camera Miguel Anxo Seixas posa cos tres tomos da biografía de Castelao fronte á balconada do Museo, deseñada por él en 1929. G GARCÍA

O 29 de xaneiro de 1886 nacía Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, aínda que na súa folla de bautismo se anótase o día 30, que é o día sinalado para a lembranza da súa figura ao tempo que se institucionalizou esa xornada como o Día da Ilustración. Este dato amosa á importancia das biografías, das boas biografías, e de cómo a pescuda de datos, e o mellor coñecemento dos nosos persoeiros nunca remata por facerse de todo, de aí que a continua revisión das vidas dos nosos paisanos sobranceiros sempre é necesaria.

"Castelao é un símbolo de Galicia e unha figura indiscutible para todos", así presenta Miguel Anxo Seixas a trascendencia de Castelao para a nosa terra e a necesidade de aunar baixo un mesmo pano o seu prolífico labor dende diferentes eidos, dende o artístico e creativo ao político ou de pensamento. A monumental biografía, reunida en tres volumes, baixo o título de Castelao. Construtor da nación, editada no prelo de Galaxia, vén a construír o único que non foi quen de facer o propio Castelao: o relato da súa vida, ao tempo que nos serve para xustificar esa admiración e recoñecemento da sociedade a súa figura.

O primeiro que chama a atención, ao pouco de botarse un a percorrer estes textos, é o moito feito, a capacidade de traballo e de adicación do autor de Cousas, establecido na nosa cidade dende 1916. Esas arelas de facer agromaron nunha obra multidisciplinar, que debemos entender de xeito trasversal e como o Castelao artista e o Castelao político, confluíron nun mesmo vieiro de acción, o que plantexa Galicia como razón e a mellora dos galegos, sobre todo daqueles máis necesitados.

Miguel Anxo Seixas non só vai, a modo de Diario, a recompoñer a vida de Castelao, se non que, a través dunha abondosa e coidada recreación dos seus varios escenarios xeográficos e temporais, achéganos a cada unha das realidades que viviu, dende o seu nacemento ao seu pasamento en Bos Aires.

"Castelao foi un ser dunha ética e rectitude envexable"

Tras tantos anos somerxido na súa vida, ao biógrafo se algo lle sorprendeu é a sensación de ser o propio Castelao "unha grande obra. Un ser dunha ética e rectitude envexable. En Galicia hai dúas figuras admirables. Unha é Bóveda, que non se atemoriza fronte a un pelotón de fusilamento e que mantén as súas ideas. E o outro Castelao, que dende o exilio defende a Galicia ata o final. Éticamente é irreprochable".

Este abraiante día a día, esta conxunción de feitos que se dan con cada abrente dunha nova xornada, afástase de interpretacións e baséase na documentación que xorde de cada un dos diferentes momentos vitais, tan convulsos en moitos momentos desa existencia que aquí se divide en tres tramos: 1886-1930, 1931-1939 e 1940-1950. Cada un protagoniza un tomo e cada un é un alicerce dun tramo desa vida xenerosa con todos os que se achegaron a Castelao, sempre disposto a participar e a sumar a prol da cidadanía, alí onde lle tocou estar, e sempre con Galicia como berce eterno no que sentirse acubillado, como segue hoxe, reivindicado por todos e que "está no Panteón de Galicia porque todo o mundo o recoñece. Non hai ninguén que lle poida atopar algo que o oscureza. Outros teñen traxectorias máis oscilantes pero a el só lle faltaba hoxe ser ecoloxista e feminista. Concita moitas sensibilidades e todo o mundo atopa nel algo valioso e admirable", apunta o biógrafo.

Lonxe do que nos poida parecer a dimensión da proposta, percorrela faise con agrado, ao compoñer o autor este relato como unha balconada aberta, agarimada por unha airexa vital e soleada que explica moito do que somos, ou do que deberiamos ser.

Comentarios