Culturgal contará coa participación de oito empresas pontevedresas

O evento, previsto para novembro, posibilita a visibilización do seu traballo
Culturgal 2019. D.P.
photo_camera Culturgal 2019. ADP

O Concello de Pontevedra facilitará a presenza de 8 empresas da cidade no Culturgal, segundo anunciou este venres a concelleira de Cultura, Carme Fouces. 

A edil nacionalista ha sinalado que Culturgal é "a única gran feira da cultura en Galicia" que "leva o cuño da marca Pontevedra" e que funciona como "un gran escaparate" no que as empresas alugan un espazo para facer visibles os seus proxectos e posibilitar que os programadores ou entidades susceptibles de contratalas, coñezan a programación que hai dispoñible e intercambien impresións. 

"Dende o Concello queremos apoiar ás empresas que, con motivo da situación actual, tiveron cancelacións e dificultades para facturar e efectuar o seu traballo", apuntou a edil. Así, Pontevedra facilitará a presenza de 8 empresas da cidade no Culturgal, que terá lugar do 27 ao 29 de novembro, pondo á súa disposición outros tantas casetas de 2x2 metros co 'Bono Pontevedra Culturgal 2020'. 

Será mediante convocatoria, que abrirá o prazo o martes da semana próxima, dirixida a entidades privadas e profesionais das industrias culturais dedicados á produción, distribución ou difusión dentro do ámbito editorial, artístico, musical, do teatro ou a danza, a produción audiovisual ou multimedia, o deseño e a comunicación en galego. Quedarían fóra da participación os organismos públicos, entidades con participación pública e asociacións non profesionais. 

A adxudicación destes espazos farase baixo os requisitos de obrigado cumprimento tales como ter domicilio social en Pontevedra ou ser unha iniciativa cultural das citadas anteriormente e criterios baremables como son a traxectoria da empresa, a atención á perspectiva de xénero, a innovación nos proxectos e accións levadas a cabo e o seu impacto na cidade, entre outros. 

Comentarios