Culturgal "desconfínase" e aposta por unha edición de "reencontro" con público

A feira celebrará a súa 14 edición do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra co lema 'A cultura que toca'
Presentación de Culturgal. CULTURGAL
photo_camera Presentación da Culturgal deste ano. CULTURGAL

Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, decidiu "desconfinarse" e recuperar a súa "esencia", segundo avanzaron os seus organizadores, na presentación da que será a súa décimo cuarta edición.

A feira, que se celebrará na cidade de Pontevedra entre os días 26 e 28 de novembro, abriu xa o prazo de reserva para as empresas, entidades culturais e artistas que queiran participar na programación do Culturgal.

Baixo a lema 'A cultura que toca', segundo o presidente da asociación Culturgal, Víctor López, o evento apostará por fomentar o contacto entre a acción cultural en directo e o público, para que esta sexa a edición do "reencontro" e da "recuperación".

"Pensamos que a cultura é agora máis necesaria que nunca para superar a crise, fomentar o diálogo, o respecto e a diversidade e servir como punto de encontro", engadiu López.

O director da feira, Xosé Aldea, invitou ao sector a participar en Culturgal confeccionando un programa que busca ser un "proxecto colectivo" da cultura galega e que reforzará o seu impulso á dixitalización coa creación da propia canle de televisión.

Na presentación de Culturgal, que se celebrou ao aire libre na ponte do Burgo, tamén participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, que destacou o valor da feira como "punta de lanza" da cultura galega.

Sutil sinalou que este será un "acontecemento fundamental" para impulsar o sector cultural tras a crise xerada pola pandemia do covid-19 e poder recuperar o "contacto directo" do público coa cultura.

A concelleira de Cultura en Pontevedra, Carmen Fouces, subliñou pola súa banda que o Concello "non só porá o espazo físico" para a celebración da feira "senón tamén a alma" nesta edición da "recuperación" da cultura galega.

Culturgal, segundo desvelaron os seus organizadores, foi recoñecido polo Ministerio de Cultura e Deporte como un dos tres eventos mellor valorados na convocatoria de axudas para a acción e a promoción cultural en 2020.

Con este motivo, participará nun acto que celebrará en novembro en Madrid para presentar o seu proxecto cultural ao longo das catorce edicións organizadas ata a data.

Comentarios